O BNG considera que nesta fase de loita contra a pandemia é clave tomar todas as medidas necesarias para unha desescalada segura e, con ese obxectivo, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao xefe do Executivo galego que non se limite a tirar balóns fora e asuma a parte de traballo que lle corresponde como presidente de Galiza.
Entre as medidas para un desconfinamento seguro, a formación nacionalista propón reforzar a atención primaria con 200 millóns de euros, máscaras gratuítas para toda a poboación, a realización de test masivos e un plan de rastreo da pandemia específico para Galiza.
“A fase de desconfinamento ten que ser segura e por iso, desde o BNG, reclamamos á Xunta que faga os deberes poñendo en marcha un protocolo de uso de máscaras que deben ser obrigatorias e distribuídas de xeito gratuíto entre a poboación; test suficientes para poder detectar o virus e un plan de rastrexo propio que evite novos focos de contaxio”, explica Pontón.
Ao lado destas medidas, o Bloque urxe poñer en marcha un plan de reforzo da atención primaria dotado con 200 millóns de euros, tendo en conta que a década de recortes do Goberno de Feixóo “deixou no chasis” a que é a porta de entrada ao sistema público de saúde “deteriorando a súa capacidade de actuación”. Hoxe, argumenta a portavoz nacional, “para combater a pandemia, afrontar o descofinamento con seguridade e tamén os retos sanitarios que temos por diante é urxente un plan de mellora da atención primaria que permita dotala de máis recursos humanos e materiais”.
En definitiva, insiste Pontón, “poñer a punto o sistema sanitario para poder afrontar con garantías o actual momento da pandemia e estar preparados e preparadas para as situacións futuras no ámbito sanitario”, concluíu.