A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun almorzo informativo cos medios para dar conta das prioridades do BNG a favor de Santiago, tanto no curto como no medio prazo, poñendo sobre a mesa proxectos relacionados coas necesidades inmediatas pero tamén con “luces largas” para deseñar unha estratexia de futuro para a cidade e capital do país.
No máis urxente, a líder nacionalista considera que o goberno de Feixóo ten unha débeda coa Santiago no ámbito sanitario, de servizos sociais ou de infraestruturas e equipamentos, que debe empezar a ser compensada nos orzamentos da Xunta para o próximo ano.
“Non é de recibo que se leve 20 anos falando da nova EDAR, non é de recibo que non se tivese construído nin unha soa residencia pública, que sexan os país e as nais ás que teñan que asumir a organización dos comedores escolares, non é de recibo que siga a parcela baleira de Xoán XXI nunha cidade con dificultades para acceder a unha vivenda pola súa carestía e non é de recibo que a capital do país siga infrafinanciada por parte da Xunta”, explicou a modo de exemplos.
Por iso, salienta Pontón, “é evidente que o Goberno de Feixóo ten unha débeda con Santiago e debe empezar a pagarse de inmediato a través dos orzamentos da Xunta de 2021, onde se atendan as urxencias sanitarias e económicas derivada da COVID19”.
Entre esas urxencias, indicou, atender a situación de crise económica que sofre un dos “motores” da cidade en creación de emprego como é o sector turístico, da hostalería e comercio. “É evidente que o Xacobeo non vai ser o maná que se anunciaba e se non queremos que haxa un impacto brutal no emprego na cidade é necesario un plan de rescate para o comercio, hostalería e turístico”, argumentou, que pode ser financiado “redirixindo” os fondos previstos para un Xacobeo con proxectos que por mor da COVID19 van quedar ser realizar.
E o mesmo pode aplicarse ao sector cultural, tamén con moito peso e proxección na cidade, e por iso o BNG demanda da Xunta unha actuación para apoiar aos creadores e creadoras “reorientando fondos como os tres millóns de euros que estaban previstos para macro concertos e evitar así que se desmoronen estruturas culturais que levou moito tempo consolidar cun apoio estrutural ao sector da cultura”, explicou a líder nacionalista.
Ademais dos proxectos a curto prazo, Santiago precisa deseñar unha estratexia de futuro aproveitando as súas fortalezas: investigación e cultura.
“Santiago ten un gran potencial para crear un polo de investigación e coñecemento vinculado ao campus universitario, cos seus investigadores e investigadoras, con centros de excelencia como o CIQUS e o CIMUS e tamén porque a economía do futuro ten que basearse na I+D+i”, salientou Pontón tras indicar que até agora a capital de Galiza careceu dunha política industrial que lle impediu crear tecido nese sector “pero ten no seu potencial investigador unha oportunidade”.
E tamén Santiago como capital da cultura e do patrimonio tendo en conta capacidade de xerar riqueza e traballo deste sector pero dándolle un novo impulso e desde unha perspectiva do século XXI que ten que ir máis aló do tesouro da Praza do Obradoiro. “Esta cidade como motor dun sector cultural en sentido amplo, capaz de xerar riqueza, emprego e de proxectar a cultura do país ao resto do mundo”, alegou.
Nese encontro informativo, a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, e a deputada compostelá Iria Carreira, fixeron unha detalla exposición das urxencias da cidade como a construción da nova EDAR, equipamentos sanitarios que van desde centros de saúde, residencias públicas de maiores ou ampliación do aparcamento no CHUS. Tamén infraestruturas educativa como un novo edificio para a escola de idiomas, ampliación do conservatorio de música ou máis escolas infantís, así como acabar coa infrafinanciación de Santiago tendo en conta a súa condición de capital de Galiza.