O BNG non vai quedarse “de brazos cruzados” ante o segundo veto de Mariano Rajoy e Ana Pastor ao debate da Lei de transferencia da AP9, e xa ten rexistrado na Cámara unha solicitude de reunión urxente da Xunta de Portavoces para consensuar unha posición unánime de resposta ante este novo “menosprezo” aos galegos e galegas.
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou as propostas do Bloque nesa xuntanza contra este “acto antidemocrático”.
En primeiro lugar, promover unha declaración institucional de reprobación contra o presidente do Goberno central e contra a presidenta do Congreso, “o mínimo que se pode facer en defensa da dignidade do Parlamento e deste país”, dixo, tras lembrar que Rajoy é pontevedrés, “que se pasea cada verán por Sanxenxo”, e Pastor é pontevedresa e electa deputada por Galiza.
En segundo lugar, o BNG solicitará que a Cámara galega recorra ante o Tribunal Constitucional este segundo veto. “Se o PP se nega, o BNG o presentará en todo caso”.
Para Pontón, “é o colmo do cinismo que aqueles que enchen a boca falando de democracia utilicen como papel hixiénico unha lei aprobada por unanimidade polo Parlamento en defensa dos intereses dos e das galegas, reclamando a transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes”.
En relación ao informe remitido polo Congreso, -“cualificativo que lle queda grande dada a súa total falta de rigor”-, a portavoz nacionalista chamou a atención sobre o dislate das cifras que se citan, e lembrou que foi o “tridente” Aznar- Rajoy-Feijóo, -en calidade de presidente, vicepresidente e conselleiro de infraestruturas-, o que deu luz verde á privatización da AP9 en 2003 por 1.000M€.
Segundo o documento do veto, a día de hoxe o valor da autoestrada ascende a 4.400 millóns de euros, o que implica que este “tridente do PP” agasallou con 3.400 millóns de euros “as súas empresas amigas”, razón pola que Pontón confía na pronta intervención do Tribunal de Contas para fiscalizar esta operación de “mala venda” dunha infraestrutura pública.
En todo caso, Pontón salienta que Rajoy declara ter cero euros para a AP9 ao tempo que pon sobre a mesa 4.000M€ para rescatar as radiais madrileñas, mentres Feijóo “segue instalado no si bwana”. “Poño a man no lume e non a queimo se digo que Cristina Cifuentes tería unha resposta contundente se fose ao revés, e se lle dixera que hai 4.000M€ para Galiza e cero para Madrid”, alegou.
Sorprendente silencio
A dirixente do Bloque denuncia a “traizón” de Feijóo á unidade sobre a reclamación da AP9 e ironiza sobre o feito de que o presidente da Xunta “diga na mesma frase que acepta o veto pero que quere a transferencia, porque non se pode ser unha cousa e a contraria. Se está a favor que o demostre presentando un recurso ante o Tribunal Constitucional”.
Pontón tamén chamou a atención sobre o feito de que no transcendera absolutamente nada ata onte deste novo menosprezo, pese a que a decisión foi adoptada pola Mesa do Congreso o 5 de setembro, onde comparten asento PP, PSOE, Unidos-Podemos e Ciudadanos. “Una proba máis de que Galiza está desaparecida”, dixo. “Podo asegurar que se o BNG estivese no Congreso isto non pasaría”, concluíu.