O BNG propuxo esta mañá no Parlamento galego un novo modelo para as residencias de maiores no que os coidados das persoas se poñan no eixe central das políticas públicas e se reforce o carácter público e de proximidade destes centros para garantir unha asistencia e un coidado que “non estaba garantidos xa antes da COVID19, como ten advertido o Consello de Contas en 2018”.
Así o manifestou esta mañá a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, logo da comparecencia da titular de Política Social, ao que engadiu que se o modelo que vai ofrecer o PP para os residenciais –e que a conselleira anunciou, pero deixou sen concretar– “non vai mudar nada ou todo o que vai mudar é estético” e non vai servir para “corrixir o rumbo do que xa estaba mal antes da pandemia”, o Bloque non poderá apoialo.
A deputada nacionalista criticou que moitas das medidas anunciadas pola Xunta esta mañá en materia de protección social xa foran comprometidas anteriormente en reiteradas ocasións polos distintos gobernos do PP. Por poñer algúns exemplos, este é o caso da redución do IRPF para as familias monoparentais, segundo lembrou Rodil, xa anunciado en 2010, 2015 e 2018; a construción de sete novas residencias, prometidas dende 2017; ou a ampliación da Tarxeta Básica, que foi prevista no seu día para dar cobertura a 30.000 persoas cando en realidade só presta atención a 7.000. “A propaganda vai por un lado e a realidade por outro”, concluíu.
Neste sentido, a viceportavoz do BNG tamén cuestionou o anuncio dunha axuda familiar de 250 euros a partir do terceiro fillo, “cando a fenda está no salto do primeiro ao segundo fillo e as familias numerosas representan o 2%”, ou a ausencia, pola contra, de apoios específicos aos fogares unipersoais de máis de 64 anos que, sen embargo, supoñen o 25% do total.
Rodil reiterou a necesidade de que a Xunta realice un estudio sobre o impacto real da COVID19 nos colectivos máis vulnerables e recordou que as últimas cifras publicadas por distintas entidades sitúan nun 24% a porcentaxe de persoas que se atopan en situación de pobreza e nun 12,5% as que teñen traballo remunerado, pero cuxos ingresos non chegan para cubrir necesidades básicas. Neste sentido, subliñou que a Risga non abonda para atender nin a todas as persoas que a precisan nin todos os gastos básicos e avanzou que o BNG levará ao próximo Pleno unha iniciativa para que se aprobe a reclamación por parte do Parlamento a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital para o Goberno galego.