parlamento galego

BNG propón impulsar a conciliación incrementando as prazas das escolas infantís con recursos educativos e horarios compatibles coa vida

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil sinalou que en Galiza existe “un déficit” de prazas en escolas infantís, especialmente públicas, un servizo de conciliación esencial para que  moitas nais e pais poidan  coidar e traballar

A deputada do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG presentará no Parlamento galego, unha proposta para defender o  incremento da  “ Rede de escolas infantís públicas e tamén os recursos de conciliación, especialmente nas contornas laborais para garantir que todas as nenas e nenos dispoñen deste recurso para facilitar  que  familias poidan conciliar”.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a nacionalista explicou que nas  últimas semanas “as familias comezaron a solicitar praza nas escolas infantís para o próximo curso con  ringleiras de persoas que agardaban para poder inscribir as súas fillas e fillos nalgunha das escolas infantís galegas”, pero  moitas quedaron xa sen praza.

En Galiza, dixo,  existe un déficit de prazas en escolas infantís especialmente públicas,  sobre todo despois de aprobarse  a gratuidade nos centros de 0 a 3. As Escolas infantís, “son  un recurso educativo”, pero tamén  “un servizo de conciliación esencial para moitas nais e pais que teñen que facer auténticos malabares para poder coidar e traballar”.

Rodil salientou que nos últimos 6 anos o Goberno do Partido Popular só construíu 2 centros novos da Rede de escolas infantís públicas, dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar, coñecidas como Galiñas Azuis e na actualidade, Galiza conta cunha  Rede de escolas infantís  con   147 centros, “ unha cantidade claramente insuficiente” porque en Galiza hai “63.377 nenos e nenas menores de 3 anos”.

147 escolas infantís  con 8.500 prazas na Rede Galiña Azul, 27 centros con 2.242 prazas dependentes da Axencia galega de servizos sociais, 95 Casas Niño (teñen só 5 prazas e só poden implantarse en concellos de menos de 5mil habitantes) : 475 prazas. En total, pagadas con cartos da Xunta de Galiza, hai “11. 217 prazas de 0 a 3 anos que non cobren máis que o 17,6 % da poboación desta idade” e se sumamos todas estas cifras,  ás da Xunta, municipais e privadas, “ a cobertura é da metade da poboación de 0 a 3”e nun país sobre todo que  “non se caracteriza precisamente por taxas de natalidade estratosféricas”.

Ademais, sinalou que  desde o ano  2019, o Goberno do Partido Popular suprimiu a liña de axudas dirixidas a promover a creación de escolas infantís en contornas laborais como os polígonos industriais, parques empresariais ou  grandes empresas. 

Por se fose pouco, no 2022 a Xunta de Galiza deixou sen gastar o “80% dos fondos” para  conciliación e outros servizos de protección (Programa 312G) da Consellaría de Igualdade, dirixidos a  entidades locais, familias e entidades sociais sen ánimo de lucro.

Medidas para facilitar a conciliación en concellos e empresas 

Ante esta situación, dende o BNG imos propoñer, anunciou a nacionalista,  ampliar a Rede de escolas infantís pública, da Galiña Azul, a través dun “Plan que priorice aqueles concellos onde non existe este recurso” ou resulta  insuficiente o número de prazas actuais así como nos  lugares n que  se concentran un maior número de traballadoras e traballadores. “Un plan que deberá orzado para garantir que continúa ampliándose a rede pública e achegando o servizo á poboación”.

Ademais, tamén reclamos recuperar  a liña de axudas públicas para a implantación de escolas infantís de 0 a 3 anos en polígonos industriais e outras contornas laborais.  E demandamos cambios normativos para que aquelas empresas que traballen coa administración (a través de concursos ou procesos de licitación pública) garantan a existencia de recursos de conciliación e corresponsabilidade nos centros de traballo.

 A deputada concluíu avanzando nunha lei do BNG  para a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública co fin de  favorecer  o tecido produtivo e empresarial galego impulsando  a conciliación e  fomento da corresponsabilidade na súa cultura empresarial e garantir  que o diñeiro público promova a adopción de recursos e servizos dentro das propias empresas  “facilitando o teletraballo, as reducións de xornada ou, en empresas grandes, habilitando escolas infantís”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG