Entre esas medidas, o BNG propón recuperar a gratuidade dos libros de texto ao 100%, que suprimiu o Goberno do PP. “As políticas de Feixóo implicaron unha asfixia do ensino público e en dez anos hai un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros, pecháronse 136 escolas unitarias e 876 unidades, e neste curso hai menos docentes que antes da chegada do actual presidente da Xunta”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón.
A estes datos súmanse os nefastos efectos da LOMCE en termos de desgaleguización, de deterioro dos dereitos de profesorado e alumnado, a tendencia cara un ensino elitista e clasista que perde o seu carácter laico e a perda de peso do galego na educación pública, tamén da man do “decreto da vergoña” aprobado polo PP que impide usar o idioma propio no ensino de materias como matemáticas, física ou química.
Por iso, o Bloque presenta na Cámara un conxunto de medidas que, ademais de recuperar a gratuidade dos libros de texto, tamén defende a redución da ratio de alumnado por aula en todos os niveis, propoñendo que non supere a cifra de 15 escolares na etapa infantil, 20 na etapa de ensino obrigatorio e 25 nos cursos de bacharelato, incluíndo ao alumnado que repita curso.
Ademais, a formación nacionalista insiste en derrogar a LOMCE en particular nos aspectos máis lesivos, demanda que cando menos a metade das materias se impartan en galego e que se suprima o decreto da vergoña e, no que se refire ao ensino universitario, propón incrementar o financiamento das universidades en 30 M€ á marxe da negociación para un novo plan de financiamento.
Todas estas iniciativas foron anunciadas pola líder do Bloque tras un encontro cunha delegación da CIG-Ensino, de Anpas Galegas e do sindicato estudantil Erguer.
Lei mordaza na Cámara
Na súa comparecencia ante os medios, a portavoz do BNG tamén fixo referencia ás normas de utilización das salas do Parlamento e sobre a vestimenta que pretende aprobar o PP.
A preguntas dos medios, Pontón atribuíu estas normas remitidas aos grupos por parte da Presidencia da Cámara a un “delirio autoritario do PP que confunde maioría absoluta con absolutismo”, tentando impoñer unhas normas que cualificou de “lei mordaza tanto para os deputados e deputadas como para o conxunto da cidadanía á que, de prosperar, impediría expresarse con liberdade ou facer nada no Parlamento”.
“Demostra que o PP está nervioso e que ten medo tanto á actividade parlamentaria da oposición como a actividade da cidadanía, é un ataque á democracia propio de quen sabe que o está facendo mal e pediremos a retirada destas normas e, en caso necesario, estudaremos todas as vía necesarias para conseguilo”.
Pontón tamén considera unha “mala solución” o anuncio do presidente da Xunta de prorrogar os orzamentos de Galiza alegando a falta de Goberno no Estado. “Feixóo fai seguidismo de Casado na súa oposición ao Goberno de Sánchez por razóns de mero oportunismo político para o PP e aínda que sexa a costa dos intereses de Galiza”, criticou.