O BNG propón unha gratificación extraordinaria para todo o persoal sanitario

Ana Pontón
Ana Pontón

Esta paga extra sería para compensar o grande esforzo e risco de contaxio na crise sanitaria

Ana Pontón reclama garantías de protección e poñer punto final “a precariedade” do sistema sanitario

“O mellor aplauso é defender os dereitos dos traballadores e traballadoras e unha  sanidade pública sen recortes nin privatizacións”

A portavoz nacional do BNG, e  Ana Pontón, propón á Xunta a aprobación urxente “dunha gratificación extraordinaria” para todo o persoal sanitario como compensación polo “grande esforzo e risco de contaxio” na crise da Covid-19.

Considera que o persoal sanitario, “non só merece o aplauso que recibe da cidadanía  todos os días dende as fiestras e balcóns”, tamén é necesario que ese recoñecemento parta da administración e nese sentido reclama da Xunta a aprobación dunha “gratificación extraordinaria”. Por outra parte,  exixe da administración  “garantías de protección” e poñer punto final “a precariedade” que sigue producíndose no sistema sanitario.

O mellor aplauso a todos e todas as traballadoras da Sanidade pública, recalca Pontón e defender os seus dereitos e “unha sanidade sen recortes nin privatizacións”.

A portavoz nacionalista reitera que todo o persoal sanitario “está dando o mellor de si”, a pesar das circunstancias nas que desenvolven o seu traballo como constatan as denuncias dos traballadores e traballadoras. Sigue sendo motivo de preocupación que a día de hoxe, continúen sen o material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio por Covid-19, falta de axilidade á hora de facer as probas necesarias no caso de contaxios, fallan os protocolos,  mestura  no mesmo cuarto de pacientes sans con pacientes contaxiados de coronavirus e que no medio desta pandemia a Xunta siga precarizando ao persoal sanitario.

Almuíña debe explicar os despidos do persoal tras contaxiarse da Covid-19

Pontón salienta que segundo a denuncia da CIG, o  SERGAS despediu  a persoal temporal que contraera o coronavirus. “Se ben a Xunta rectificou, o simple feito de que isto pasara é dunha enorme gravidade e deixa ao descuberto unha política laboral que non podemos compartir baixo ningunha circunstancia”.  Que pasaría se ninguén o denunciara? Seguiría o Sergas despedindo  persoal que se contaxiou traballando? O simple feito de que isto pase merece unha explicación en sede parlamentaria, polo que o Conselleiro de Sanidade ten que comparecer no Parlamento.”Urxe ademais, a restitución dos dereitos de todos e cada unha das persoas que foron despedidas, é dicir, que a rectificación ten que ter carácter retroactivo”, aseverou.

Ademais, Pontón denuncia que a precariedade  laboral na sanidade pública tamén inclúe os contratos do SERGAS aos e ás MIR polo que volve a reclamar medidas urxentes para rematar coa precariedade na sanidade.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG