Santiago de Compostela, 1 de decembro , 2022. O portavoz de infraestruturas do BNG, Luís Bará defendeu, a través dunha moción, promover unha norma legal para “blindar” a distribución dos fondos públicos coas entidades locais.
Neste sentido, propuxo aprobar unha norma legal de obrigado cumprimento para que “goberne quen goberne” para que os fondos públicos sexan repartidos con criterios “equitativos” e sen “convenios a dedo”. Mentres non sexa aprobada esta lei, dixo, propoñemos o reparto de fondos a través da concorrencia competitiva e que todos os concellos coñezan os investimentos que lle corresponden para a súas actuacións.
Ademais, propuxo tamén crear unha plataforma para visualizar as cantidades que a Xunta transfire aos concellos a través das diferentes consellerías.
O parlamentario lamentou que, unha vez máis, o PP vetara a proposta nacionalista e continúe cun reparto “partidista, inxusto e discriminatorio”.
Na defensa da moción , o nacionalista criticou duramente o reparto da Xunta dos fondos HURBE aos que ironicamente denominou URDE ou UBRE porque na súa opinión, benefician na súa maior parte a concellos gobernados polo Partido popular.
Bará lembrou que nos dous últimos anos, foron asinados 72 convenios entre a Xunta de Galiza e os concellos dos que “61 son gobernados polo Partido popular” con 12, 9 millóns de euros. O nacionalista sumou a esta cantidade o total dos fondos do Plan HURBE que alcanza, dende o ano 2010, “161 M€ dos que o 90 % foron destinados á concellos do PP”.
Medalla de ouro para Ánxeles Vázquez no reparto caciquil dos fondos HURBE
O deputado cualificou de “medalleiro caciquil” o reparto do PP dos fondos públicos e outorgou as “medalla de ouro e prata ” á conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez polos investimentos para auditorios. Os premios, dixo son tamén para Alfonso Rueda e Román Rodríguez con “sobrados méritos” no reparto de partidas para auditorios. Nesta liña, Bará puxo como exemplo o Auditorio de Marín cun convenio no ano 2021 con foto de Rueda e Ángeles Vázquez incluída e “2 millóns de euros”. Dende o BNG, afirmou, non criticamos que se constrúan auditorios, criticamos o reparto dos investimentos porque mentres Marín se beneficiaba o concello de Bueu solicitaba un convenio e como única resposta a conselleira de Medio Ambiente dixo que non “había diñeiro para ese ano” porque no mes de febreiro xa estaban comprometidos os fondos pero curiosamente, apuntou o nacionalista, no mes de xuño o alcalde de Begonte reúnese con Rueda e Vázquez e anuncian un convenio de 1 millón de euros para rehabilitar o colexio de Baamonde para unha escola de música.
O deputado do BNG continuou co relatorio de concellos prexudicados polo reparto de fondos entre os que destacou o de Trabada que continúa sen recibir resposta ou o da Guarda tamén agardando por ela. O concello do Grove, mesmo se viu obrigado a buscar financiamento a través da Deputación de Pontevedra para construír un auditorio de 5 M€ no que o concello investiu 2 millóns e a Xunta “cero euros”.
Bará recalcou que este reparto só pode ser denominado como “caciquil, discriminatorio e inxusto” e advertiu que ante a proximidade das eleccións municipais, o PP está embarcado “nunha carreira tola” para repartir fondos aos seus afíns e seguindo co símil do medalleiro concedeu a medalla de bronce á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez a través de Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas, mesmo coa previsión de orzamentos para o ano 23 para pequenas obras de abastecemento.
O nacionalista criticou que o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez inicie visitas aos concellos cos portavoces municipais populares pero “non avise sequera aos gobernos municipais”, Menéndez, criticou Bará está xa a facer “a campaña electoral do PP polos concellos”.
Hai que rematar con estas practicas caciquís por “xustiza, decencia e saúde democrática”, concluíu.