BNG propón unha batería de medidas contra a exclusión financeira e a favor dos dereitos das persoas consumidoras

Noa Presas
Noa Presas
A deputada nacionalista avoga por modificar a regulación do sector para garantir unha rede mínima de servizos físicos e de atención presencial

Noa Presas reclama á Xunta que rectifique as subvencións á instalación de caixeiros polo seu efecto chamada de peche de servizos bancarios 

 

BNG defendeu no Parlamento galego unha moción para instar á Xunta a rectificar a súa política de subvencións de caixeiros por contribuír ao efecto chamada de peche de servizos na banca, así como a demandar do goberno central a modificación da regulación do sector financeiro para garantir por parte da gran banca, en función do volume e expansión do negocio, unha rede mínima de servizos físicos (oficinas e caixeiros) e uns servizos mínimos obrigatorios de atención presencial.

De igual xeito, a formación nacionalista propuxo ao Goberno galego que, a través do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC), desenvolva un estudo para avaliar as características e graos de exclusión financeira da poboación galega e, singularmente a vulnerabilidade das persoas maiores por mor da dixitalización excluínte, de cara a impulsar mecanismos que a minoren.   

No paquete de medidas presentado pola portavoz nacionalista de Facenda, Noa Presas, tamén se inclúe o incremento dos recursos materiais e persoais do IGCC para reforzar a súa capacidade inspectora e sancionadora e realizar, de forma específica, unha análise e avaliación do produto de conta básica para coñecer o seu cumprimento e actuar nos casos de abuso bancario.

O BGN tamén propuxo a posta en marcha de programas de formación e actuación no ámbito dos servizos sociais, seguindo as demandas da Rede Galega Contra a Pobreza, de cara a incluír contidos de asesoramento financeiro dentro dos itinerarios personalizados de apoio ás persoas en pobreza e exclusión social e que poidan facilitar pautas para a atención dos problemas de exclusión financeira aos que se enfrontan os fogares monoparentais, os sectores afectados polo baixo nivel educativo ou pola fenda dixital, os fogares e persoas con niveis baixos de renda ou excluídas do mercado laboral e poboación de nacionalidade extracomunitaria.

Por último, tamén apelou á capacidade de presión que ten o Executivo galego para demandarlle que negocie coas entidades bancarias que operan en Galiza co obxectivo de que freen o desmantelamento de servizos e o despedimento de persoal.

Presas indicou que esta batería de medidas contra a exclusión financeira e a favor dos dereitos das persoas consumidoras responden á necesidade de ofrecer solucións a “un problema social e económico de primeira orde”, logo de repasar as últimas estatísticas sobre a situación económica dos fogares galegos.

Así, e ademais de advertir do impacto da inflación sobre as economías domésticas, recordou que o salario medio en Galiza é 600 euros inferior ao do conxunto do Estado, as pensións, das máis baixas, e o ingreso medio mensual por fogar diminuíu nun 0,57% en 2020, unha redución de ingresos que se aprecia especialmente nos fogares monoparentais, maioritariamente encabezados por mulleres. De igual xeito, apelou ao último Informe sobre o Estado da pobreza en Galiza para recalcar que o 25,7% da poboación galega estaba en risco de pobreza ou exclusión social en 2020, case 40.000 máis que o ano anterior “e aumentando a privación material severa”.

Ante esta realidade, a portavoz parlamentaria de Facenda advertiu que, ante a necesidade destes fogares de acudir a instrumentos financeiros como os crédito, o aprazamento de pagos ou a contratación de tarxetas especiais para fragmentar compras ou gastos que non poden asumir nun único prazo, o sector bancario non só lles empeoran o servizo e lles incrementa as comisións, senón que os condena á exclusión financeira porque deixan de ser atractivos para o seu negocio.

Neste sentido, apuntou ao Informe da Rede Europea contra a pobreza sobre inclusión financeira, que alerta da gravidade da exclusión financeira e as súas consecuencias: abusos, sobreendebedamento, bancarrota persoal e perda de vivenda ou o empobrecemento dos fogares pola usura bancaria. “Aquí á banca só lle importa a súa caixa e o problema é que á Xunta parece non importarlle que isto atente contra os dereitos da sociedade”, recriminou logo do veto do PP á iniciativa. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG