A portavoz nacional, Ana Pontón, deixou claro que o Bloque “nin se rende, nin tira a toalla, nin acepta o marco da multinacional ALCOA” e demanda a Feixóo que desde o Goberno da Xunta articule unha posición de país que defender ante o Executivo central. Por iso propón unha mesa de negociación galega.
“Dúas cuestións fundamentais. Primeira, que ALCOA non peche e non imos permitir que se arrisque nin un só posto de traballo. A segunda, articular unha fronte de país que debe estar encabezada polo Goberno galego para evitar que A Coruña perda unha factoría nun sector estratéxico e siga avanzando na desertización industrial”, sintetizou Pontón durante a comparecencia en Pleno do conselleiro de Industria, Francisco Conde.
A dirixente do Bloque pediu a Conde que deixe de actuar “como mero espectador ou como militante do PP” que, ao igual que o seu xefe de filas, está máis preocupado en buscar culpables que en ser parte da solución. “Dixo que onte na reunión en Madrid non se puxera sobre a mesa ningunha solución. A que foi vostede? O Goberno galego non pode estar de brazos cruzados como mero espectador, nin pode ir a Madrid só a escoitar, ten que ir defender os intereses de Galiza tras consensuar unha proposta coas forzas políticas e cos representantes dos e das traballadoras”, recalcou.
Por iso, recollendo a proposta do propio comité de empresa, o BNG propón crear unha mesa de negociación, “e esa mesa de negociación con todas as partes implicadas, como é obvio, non a vai crear ALCOA, terá que abrila a Xunta de Galiza, ou vai decidir esta multinacional cal debe ser o marco enerxético do país?”, interpelou a portavoz nacional.
Precisamente en relación ao marco enerxético, Pontón insistiu en denunciar o disparate que supón ter centos de empregos en xogo polo custe eléctrico nun país que produce enerxía a esgalla, e volveu reivindicar a factura eléctrica galega.
“Tarifa eléctrica vasca, -europeaxe-, 120M de euros de beneficio para as súas empresas. Galiza, produtora neto de electricidade, cero beneficios e 400 empregos directos na picota. Moitas grazas señores e señoras do PP”, ironizou, para a continuación pedir unha normativa enerxética que dea estabilidade ás empresas electrointensivas e permita ás persoas consumidoras beneficiarse de vivir nun país exportador de electricidade.
Para o BNG “é urxente fixar unha posición de país e ter un Goberno con iniciativa, que estea á altura, disposto a defender os nosos intereses desde unha posición galega coa que negociar ante o Executivo central”, recalcou Pontón quen tamén fixo unha advertencia: “Hai que ser rápidos na resposta e o principio que debe quedar claro é que imos garantir o 100% do emprego porque a fábrica xa estaba aí antes de ALCOA e non é necesaria para seguir producindo aluminio”.
A líder do Bloque xunto co candidato a Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, trasladaron o apoio da formación nacionalista aos traballadores e traballadoras de ALCOA presentes no debate parlamentario, “tendes a toda a cidade e a todo o país detrás”, e despois tamén de que a Cámara aprobase unha declaración institucional de apoio a continuidade da actividade da factoría do emprego.