O deputado do BNG, Daniel Castro lembrou que hai meses, o BNG fixo pública a denuncia da “ocultación sistemática de información ao Parlamento galego por parte do goberno do Partido popular” e ante a persistencia deste proceder “antidemocrático” anunciou que a forza nacionalista presentará “unha denuncia ante a Valedora do Pobo”.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Daniel Castro explicou que a Xunta de Galiza converteuse nun dos órganos “máis opacos e pouco transparentes”, a pesar da súa obriga de enviar calquera documento solicitado polos deputados e deputadas deste parlamento en menos de 30 días. Sen embargo dixo, seguimos comprobando como “pasan os meses e a información non chega”.
O nacionalista engadiu que existe algunha solicitude que mesmo van camiño dos “dous anos e medio de espera” de aí que o BNG volva a exixir que “o PP cumpra a lei e entregue os documentos en tempo e forma e de maneira inmediata”.
Feijóo pide en Madrid o que o Goberno galego nega ao Parlamento en Galiza
O deputado criticou que agora que Feijóo está en Madrid reclama o “dereito a garantir a información mentres que el mesmo impediu desde hai case 1 ano os contratos adxudicados a Eulen, empresa na que traballa a súa irmá”. Gustaríanos saber, preguntou o deputado “que ten que esconder o señor Feijóo sobre estes contratos e a quen quere beneficiar.
Castro recalcou que a ocultación da documentación representa “unha vulneración dos dereitos dos deputados e deputadas pero tamén ao dereito á información da cidadanía”. Ademais, a ocultación de datos incide nos temas de especial sensibilidade como as actas de inspeccións das residencias de maiores nas que se vulneraron dereitos, expedientes sancionadores abertos a grandes empresas por delitos ambientais, documentos referidos á CRTVG, a ENCE ou aos “11,7 millóns de euros perdoados a empresa Greenalia” na que traballa a ex conselleira Beatriz Mato. Chegamos a vivir situacións tan surrealistas e sobre todo tan antidemocráticas que “se lle están a perdoar millóns de euros a empresas mentres lle ocultan información ao Parlamento”, remarcou.
Para o deputado, o proceder da Xunta de Galiza constata o dito de “dime de quen ocultas información e direiche para quen gobernas” ademais de actuar como se o Parlamento galego, fose a “súa leira particular e non a cámara de representación dos galegos e das galegas”.
O goberno non responde ás preguntas formuladas polo BNG
A falta de documentación, o deputado engadiu que en moitas ocasións, o Goberno galego recorre para responder ás preguntas do BNG con ligazóns ás comparecencias en comisión ou a acudir a ver eses documentos a outras cidades durante un tempo limitado e con vixilancia permanente, cando teñen a obriga de remitilos a este Parlamento.
Por iso reiterou o nacionalista, imos facer valer os nosos dereitos e o dereito do Parlamento e xa estamos preparando unha denuncia “diante da Valedora do Pobo” como primeiro paso se o PP continúa con este “comportamento antidemocrático”, concluíu.