O deputado, Daniel Castro, afirmou que a Xunta converteuse nun dos órganos “máis opacos e pouco transparentes” en Galiza, a pesar de ter a obriga de enviar ao Parlamento galego calquera documento solicitado polos deputados e deputadas, nun prazo de 30 días. Este proceder, dixo, “non nos deixa outra opción” e despois de varios meses de queixas públicas pola falta de transparencia do goberno ao Parlamento galego, temos que volver a denunciar a “ocultación sistemática de información do goberno do Partido Popular”.
Os meses van pasando, explicou o deputado e a “información segue sen chegar porque o Partido popular non quere” e mesmo continuamos agardando por documentación solicitada hai máis de dous anos. Dende o BNG pedimos que “a Xunta de Galiza cumpra o regulamento do Parlamento”.
Feijóo pide en Madrid o que impediu en Galiza
Por outra parte, lembrou que Núñez Feijóo, agora que está en Madrid, reclama de maneira activa o dereito a “garantir a información” cando foi el o que impediu en Galiza, dende hai case un ano, entregar os contratos adxudicados a Eulen dende o ano 2009. Preguntámoslle ao PP se hai irregularidades neses contratos e se están a protexer a Feijóo e se non é así, porque os esconden? Daniel Castro sinalou que a directora da empresa Eulen é Micaela Núñez Feijóo, irmá de Núñez Feijóo.
O deputado sumou outros ámbitos sobre os que a Xunta nega, de maneira sistemática, a documentación entre os que destacou: documentos relacionados con ENCE , os 11´7 millóns de euros perdoados á empresa Greenalia da ex-conselleira Beatriz Mato, a CRTVG ou as irregularidades detectadas en diversas residencias de maiores.
O PP utiliza o Parlamento como a súa leira privada
O parlamentario acusou ao Partido popular de actuar como se o Parlamento galego fose “a súa leira privada na que só el pode sachar” e insistiu en que a Cámara galega é o órgano de representación de todos os galegos e galegas.
“Queda claro que o Partido Popular fixo da excepción a súa normalidade e que a transparencia e o regulamento impórtalle máis ben pouco e é por iso emprega esta institución como muro de contención para a súa ocultación”.
Daniel Castro remarcou que o BNG quere facer valer os seus dereitos e o “dereito do Parlamento e dos seus deputados e deputadas a poder acceder á documentación solicitada á Xunta” de aí, a queixa ante a Valeduría do pobo ademais de estudar outras accións contra a reiterada vulneración do dereito dos deputados e deputadas do BNG a coñecer a documentación como acontece en calquera país democrático.
No rexistro da queixa dirixida á Valedora do Pobo tamén participaron os deputados e deputadas: Iria Carreira, Mercedes Queixas, Rosana Pérez, Carme Aira, Paulo Rios e a viceportavoz do grupo parlamentario, Olalla Rodil.