O BNG presenta un plan de usos para converter o Pazo de Meirás nun centro de recuperación da memoria histórica galega

Olalla Rodil e Luís Bará
Olalla Rodil e Luís Bará

Propón unha Mesa de Meirás coas administracións e colectivos sociais implicados na devolución do pazo para a súa futura xestión

Advirte contra a proposta da Xunta que a figura de Pardo Bazán non pode ser utilizada para ocultar a historia recente do inmoble

O BNG presentou a súa proposta de plan de usos para o Pazo de Meirás cuxo eixe fundamental pasa por convertelo nun centro sobre a memoria histórica democrática galega no que, como lugar de represión, estea moi presente “a memoria das vítimas e da súa dignidade”.

Así o avanzou o deputado Luís Bará, quen, xunto á viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, debullou as principais liñas de actuación propostas polo Bloque para o futuro do pazo. Neste sentido, Bará considerou preciso articular a xestión conxunta do inmoble a través das tres administracións que xogaron un papel fundamental na súa recuperación -Deputación da Coruña, Concello de Sada e Xunta-, xunto aos colectivos sociais e ás persoas expertas na investigación histórica.

“Nós entendemos que debe haber unha Mesa de Meirás na que, ademais das tres administracións, deben participar tamén os colectivos sociais -que son as entidades que primeiro e máis loitaron pola súa recuperación-, as persoas expertas na investigación histórica e o propio Parlamento galego, que tivo moito que ver no proceso”, explicou o deputado nacionalista, logo de reclamar un acordo neste sentido “dende a colaboración e non dende a competición”.  

Para o BNG, as primeiras actuacións a desenvolver no pazo pasan pola retirada de todos os elementos de exaltación e apoloxía da ditadura e do ditador, co obxectivo de romper definitivamente coa concepción de Meirás como “parque temático e centro de peregrinacións franquistas” e proceder á súa apertura pública, tanto do inmoble como das case 10 hectáreas de bosques e xardíns, con horarios amplos de visita, dentro das lóxicas restricións obrigadas pola pandemia.

“Non se trata só de abrir as portas do pazo senón de facelo coa articulación dun percorrido interpretativo e guiado que debe contemplar todos os seus usos”, incidiu para sinalar a continuación que a visita ten que estar deseñada por persoas expertas na materia e contemplar o papel do pazo non só como residencia de Emilia Pardo Bazán, senón tamén o seu uso durante a ditadura e a democracia e o proceso de loita pola súa recuperación.  

Cara ao futuro uso de Meirás, o BNG avoga por convertelo nun centro sobre a memoria histórica democrática galega que tamén se consolide como centro internacional de referencia no estudo e interpretación das ditaduras, e concretamente sobre a franquista, sobre a violencia política institucional e sobre o auxe dos neofascismos que se está producindo en todo o mundo e principalmente en Europa “para estudalos e combatelos con armas democráticas”.

A formación nacionalista cuestiona a proposta da Xunta para facer do pazo un “Faro da Igualdade” articulado sobre a figura de Pardo Bazán, unha proposta que cualificaron de “cortina de fume” para intentar neutralizar e minimizar os posibles usos do pazo vinculados á memoria histórica. “É a mesma operación que a Xunta fixo para desmantelar a Illa da Memoria”, criticou Bará, logo de subliñar que este intento do Goberno de Feixóo para “branquear o franquismo” carece ademais de rigor e seriedade, dado que xa existe un centro de estudos e investigación sobre a escritora galega na Casa Museo Pardo Bazán, sede da Real Academia Galega.

“A figura de Pardo Bazán non pode ser utilizada para ocultar a historia de Meirás a partir da morte da escritora en 1921”, recalcou Rodil, quen lembrou que o pazo “é un símbolo da represión fascista e da ditadura en Galiza”. A viceportavoz nacionalista reiterou a reivindicación do BNG para que o Estado español transfira a titularidade da propiedade á Xunta en canto sexa firme unha sentenza que, segundo manifestou, remata coa impunidade que permitiu á familia do ditador manter durante décadas o froito do seu espolio e na que “a constitución que se conmemorou onte e o proceso de transición actuaron con connivencia”. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG