A sentenza, polo tanto, dixo a deputada “anula” o contrato formalizado “a dedo” o 30 de decembro de 2020, un contrato sobre o que o BNG xa pedira no seu momento explicacións , tanto na Deputación de Ourense como no Parlamento galego.
Para a deputada, o Partido popular continua facendo “un uso discrecional dos fondos públicos para favorecer os intereses do propio PP” e lembrou que “o Consello de Contas sinalou en diferentes informes de fiscalización a falta de dación de contas”.
A nacionalista insistiu no “repetido uso caciquil e fraudulento de fondos públicos por parte da Xunta de Galiza” que comparou co “modus operandi do baltarismo”. A veces, explicou, a deputada, parece que están enfrontados, “o baltarismo e o PP de San Caetano, pero son da mesma estirpe” e non é “de estrañar que precisamente a chegada, do aínda interino Presidente da Xunta aos ceos madrileños, veña precisamente de tapar “as irregularidades de contratacións dunha presidenta do PP”.
Pola súa parte, a Directora Xeral de Turismo afirmou que a sentenza obedece a un “defecto de forma”, argumento que a deputada rebateu xa que a propia sentenza reflicte que de acudir a un procedemento negociado e non publicitado mediante licitación “é necesario solicitar ofertas, cando menos, a tres empresas capacitadas para a realización do obxecto do contrato” e vostedes, recalcou “non o fixeron”.
Podían non sacar a concurso a adxudicación pero o que non podían facer é “ un dedazo” á empresa que vostedes querían,” e o mínimo, como di a sentenza, indicou Noa Presas, “era convidar a tres empresas do sector”. Que responsabilidades vai asumir a Xunta de Galiza despois da anulación da adxudicación da estación de esquí de Manzaneda? Por que a Xunta de Galiza procurou favorecer unha empresa en concreto? Cal é a vinculación desta empresa co Partido Popular e cal é a situación queda agora a estación de esquí de Manzaneda? preguntou a nacionalista.