O BNG pide á Xunta que manteña a atención sanitaria nos centros de saúde de Lugo

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Para o BNG, esta decisión diminúe a calidade do servizo, obriga á poboación a desprazarse de maneira innecesaria e xunta máis persoal e pacientes no medio dunha pandemia.

Rodil: “trátase dunha decisión adoptada unilateralmente pola EOXI, sen contar co persoal nin coas organizacións sindicais”

A deputada do BNG, Olalla Rodil, anunciou que solicitará no parlamento de Galiza que se reverta a centralización da atención médica os sábados no centro de saúde de Fingoi. “Esta decisión é inxustificábel en calquera caso pero máis aínda nun contexto como o actual, marcado pola COVID-19”, declarou Olalla Rodil. Desde o  BNG afirman que esta decisión vai diminuír a calidade da atención primaria, ademais de obrigar á poboación en moitos casos, maior e con dificultades para se mover, a desprazarse de maneira innecesaria.

“A Xunta de Galiza pretende que todo o Concello de Lugo reciba atención sanitaria nun único espazo e que os equipos de seis centros de saúde traballen de maneira conxunta no mesmo edificio mentres a todas nós nos din que nas nosas casas limitemos as reunións a 10 persoas, que ampliemos a distancia física e reduzamos a cabida en locais de todo tipo”, criticou Olalla Rodil, que lembrou que no concello de Lugo viven case 100.000 habitantes que se verán na obriga de desprazarse até un barrio periférico para poder recibir a atención médica que até o de agora se daba no centro de saúde do seu barrio.

Trátase dunha decisión adoptada unilateralmente pola dirección da EOXI, sen negociar co persoal nin coas organizacións sindicais, malia supor unha importante mudanza nas condicións de traballo, e que vai en detrimento da calidade asistencial da poboación de Lugo ao afastar o servizo. “A Xunta ten que rectificar porque a centralización da atención no centro de saúde de Fingoi suporá diminuír aínda máis unha Atención Primaria que adoece xa, e moito, polos recortes orzamentarios, a falta de persoal e de recursos”, sentenciou Olalla Rodil.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG