Parlamento Galego

O BNG pide á Xunta que incremente o orzamento para o servizo gratuíto de xustiza e garanta a mediación familiar intraxudicial

Iago Tabarés
Iago Tabarés
O deputado Iago Tabarés reclama no Parlamento medidas de apoio para os e as autónomas da avogacía e a sinatura dos convenios para a mediación

O BNG presentou unha batería de iniciativas ante o Parlamento galego para instar á Xunta, por unha banda, a incrementar o orzamento destinado á prestación do servizo de xustiza gratuíta homologándoa as cantidades per cápita do Estado e, por outra, a garantir o funcionamento do servizo de mediación familiar intraxudicial.

En relación ao servizo xudicial gratuíto, o deputado Iago Tabarés lembra que o Goberno galego ofrecera no seu día unha “doazón” ás e aos profesionais inscritos na quenda de oficio, proposta que foi rexeitada polo Consello da Avogacía Galega ao considerar que nin respondía á súa solicitude de axuda para as traballadoras autónomas -entre as que se atopan a meirande parte da avogacía galega-, nin resolvía as necesidades urxentes do colectivo e nin tan sequera viña mellorar a prestación do servizo público de xustiza gratuíta.

Neste sentido, o propio Consello pediu á Xunta que, alén das medidas para axudar ás traballadoras autónomas, incremente as achegas destinadas ao funcionamento e xestión da quenda de oficio, atención á detida e do servizo de asistencia xurídica gratuíta, petición que non foi respondida e que o BNG leva ao Parlamento.

Sobre o sistema de mediación intraxudicial no ámbito familiar, o deputado nacionalista advirte que, chegado o mes de outubro, o Goberno galego aínda non asinara convenio algún cos colexios profesionais da avogacía e psicoloxía para este ano, nin tampouco comunicara a continuación futura do servizo.

“Os colexios profesionais prestaron o servizo durante parte deste 2020 sen a existencia dun compromiso da Xunta que abeirase o pagamento -alerta Iago Tabarés- e, o que é peor, esta situación de incerteza sobre o presente e sobre o futuro provoca que este recurso non estea dispoñible”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG