O portavoz parlamentario de Agricultura Xosé Luís Rivas reclamou da Xunta que garanta as franxas de protección das infraestruturas e das vivendas para loitar contra o lume, e súmase así á demanda dos concellos pedíndolle ao Goberno galego “que exerza a súa responsabilidade en materia de prevención contra os incendios”.
Neste sentido, o deputado cualificou de “pavorosas” as declaración do director xeral de Montes, Tomas Gómez, indicando que en Galiza sería difícil un incendio como o que deu lugar á traxedia de Portugal “se se cumpre a lei”. Igualmente, criticou a intención da Xunta de “cargarlle” a responsabilidade aos concellos.
“Inauditas esas declaracións e inaudito tamén o intento da Xunta de cargarlle a responsabilidade aos concellos de que non haxa franxas de seguridade! Díganllo, por exemplo, ao concello de Boimorto que non ten nin policía municipal, que fai, sae o alcalde a recorrer o territorio e a denuncialo? Non é función local senón da conselleira, porque estamos a falar de millares de núcleos que non teñen a franxa de seguridade, pídolles que usen o sentido común”, instou Rivas ao goberno galego durante o debate na Cámara.
O deputado demandou de Medio Rural transparencia, “porque a poboación ten dereito a saber canto se gasta en cada avión, en cada helicóptero, en cada equipo de bombeiros forestais, cantas hectáreas arden, porque son cartos públicos”. Neste punto, interpelou ao goberno galego polo PLADIGA, a principal ferramenta de prevención e extinción da Xunta. “Cando o van aprobar antes ou despois dos incendios, vanlle cobrar aos particulares pola extinción como insinuou o director de Montes?”.
Rivas pediu outro modelo de ordenación do monte, “que debe ser un complemento da actividade agraria e do medio rural, e non esperemos que nos sucede outro Portugal”, alegou, modelo alternativo que require apostar por un uso multifuncional do monte e por especies nobres e autóctonas. “Un metro cúbico de castiñeiro en Francia aporta 1.500 euros, un metro cúbico de eucalipto apenas 30, así que apostar por esta especie é unha necidade”.
Axudas aos produtores de pataca autoconsumo
O portavoz parlamentario de Agricultura tamén pediu na Cámara axudas para os produtores e produtoras de pataca para autoconsumo afectados pola praga da couza que, entende, non están a recibir a atención suficiente por parte da Consellería de Medio Rural fronte a outros afectados profesionalizados.
“O feito de que a Xunta non poda aportar datos dos e das produtoras en réxime de autoconsumo implica o seu desinterese por este colectivo de afectados, porque moi ben poderían ter os datos a través dos servizos sociais dos concellos”, argumentou Rivas, quen subliñou que se trata de persoas e familias do rural que teñen na plantación da pataca en autoconsumo un pequeno recurso de subsistencia. “Estou a falar das persoas que aínda conseguen que haxa lume nalgunhas chemineas do rural”, concluíu.