O BNG volveu levar a pleno a situación da planta de ENDESA nas Pontes para pedirlle ao Goberno da Xunta “que abandone a súa política electoralista” e que, o bipartidismo que forma PP e PSOE “paren de empregar a bisbarra das Pontes como pim- pam- pum”.
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, atribuíu a situación de ENDESA ou de ALCOA “á privatización de sectores económicos estratéxicos” e criticou a falta de previsión do Goberno de Feixóo: “a chegada do fin do carbón non naceu onte, pero non se anticiparon, que non haxa aínda un Plan Galego de Transición enerxética é a maior mostra do seu fracaso, señores do PP”.
Presas pediu ao Executivo que abandone o “curtopracismo” propio dun PP “que nunca se atreveu a apostar por cambiar un modelo enerxético imposto e alleo ás necesidades do pobo galego”. Por iso, o BNG formula unha batería de propostas.
Empezando por impulsar unha mesa galega na que abordar a situación das Pontes, que inclúa os axentes sociais, políticos, a empresa, Goberno central e Xunta “para planificar a resposta a situación de ENDESA e para deseñar o modelo económico e industrial alternativo para o futuro da zona”. En segundo lugar, reclamar para Galiza igualdade de condicións nos fondos do Estado e dos fondos europeos para a descarbonización.
Neste sentido, o Bloque insta a demandar por todas as vías posíbeis -tamén xudicial- que se compense a Galiza da débeda histórica contraída polos sucesivos incumprimentos dos plans carbón e pola súa exclusión desde 2012, incluíndo Galiza en condicións de igualdade no novo acordo marco para unha transición xusta da minaría do carbón e o desenvolvemento sostíbel para as comarcas mineiras para o período 2019-2027 e en todos aqueles mecanismos que se determinen.
Igualmente, esixir a inclusión de Galiza no plan denominado Green and fair new deal que está a deseñar a Unión Europea para compensar os territorios que perdan emprego e actividade na aplicación do proceso de descarbonización enerxética e, por último, esixir compensacións e responsabilidade económica da propia ENDESA.
E, finalmente, instou ao Executivo “a asumir as súas competencias e iniciar un cambio de rumbo da súa política industrial”.