- Noa Presas anuncia que o BNG rexistrará diversas iniciativas destinadas a paliar os danos ocasionados pola xeada desta madrugada, de maneira especial nas Denominacións de Orixe: O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei
A parlamentaria do BNG, Noa Presas pide á Xunta abrir unha liña de axudas urxentes ante os danos, nas Denominacións de Orixe da Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei e O Ribeiro, ocasionados pola xeada desta madrugada e con consecuencias que nalgúns casos se aproximan ao cen por cen.
A nacionalista tamén pide que a Xunta inicie, sen dilación, contactos cos viticultores e adegueiros co fin de avaliar o impacto nas zonas de produción de viño afectadas. Noa Presas indica que o BNG xa mantivo unha rolda de contactos co sector e propón que tras a avaliación de danos por parte de persoas expertas se implementen as axudas económicas necesarias para paliar os efectos nun “sector económico vital” para a provincia de Ourense.
A deputada tamén avanza que o BNG presentará mocións en todos os concellos ao fin de apoiar aos e as afectadas.