O BNG pide ao Goberno da Xunta que aclare no Parlamento se ten previsto utilizar taxis para prestar determinados servizos que na actualidade se realizan utilizando a ambulancia como medio de transporte sanitario, como alertan representantes dos traballadores deste servizo nun encontro mantido coa portavoz de sanidade, Montse Prado.
O Servizo de Transporte Sanitario Terrestre non Urxente é o que realiza os traslados de doentes desde os seus domicilios até os servizos sanitarios para recibir tratamentos programados de oncoloxía, quimioterapia, radioterapia, diálise, rehabilitación, entre outros, entre un centro hospitalario a outro o desde estes ao domicilio.
O concurso polo que a Xunta ten adxudicado este servizo está caducado desde agosto de 2019, anunciando o SERGAS ao sector unha prórroga de seis meses até febreiro de 2020, polo que se está á espera de que o servizo galego de saúde faga pública a convocatoria dun novo concurso.
Neste contexto, explica Prado, “saltan as alarmas diante de informacións publicadas no senso de que parte dos servizos que veñen prestando polas ambulancias poden pasar a realizarse a través de taxis ou VTCs. De producirse este feito sería un novo paso na liberalización e mercantilización dun servizo esencial como é a atención sanitaria, con consecuencias negativas tanto na calidade asistencial como no ámbito laboral”.
Na concesión do servizo actual todos os desprazamentos se fan en ambulancia, que son vehículos adecuados e preparados para este tipo de traslados e contan con técnicos con formación e titulación específica para atender ás persoas doentes.
En Galiza o transporte sanitario ven regulado no Decreto 52/2015, que establece as condicións técnicas requiridas aos vehículos ambulancias que prestan o servizo de transporte sanitario por estrada, así como a dotación de persoal precisa e a cualificación profesional requirida.
Tras a información recibida por unha representación dos e das traballadoras, o BNG leva o asunto ao Parlamento para que o Goberno aclare se ten intención de recortar servizos que na actualidade se realicen en ambulancia de cara ao novo concurso do transporte sanitario non urxente, e en particular abrir a posibilidade de que se podan realizar traslados de diálises, determinados tratamentos ou rehabilitacións en taxis ou VTC.