O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, abrir un expediente sancionador á empresa concesionaria da AP-9 polo mal funcionamento do servizo e os continuos atascos e retencións.
Ademais, entre as medidas da iniciativa nacionalista tamén figuraban: Aprobar un protocolo de actuación para levantar as barreiras das peaxes cando se produzan retencións de máis de 1 Qm, recuperar os postos de traballo eliminados nas cabinas de peaxe e realizar un estudo da baixada das peaxes nos treitos en obras pola ampliación desta infraestrutura.
Bará lembrou que o recente anuncio do incremento das peaxes é produto de diferentes acordos entre os gobernos do Partido popular e socialista para financiar a ampliación da ponte de Rande e do terceiro carril. Despois dese anuncio, manifestou “seguimos sufrindo os abusos e atascos nos anos 2015, 2016 e estásenos acabando a paciencia”. Para o deputado pouco queda xa por aturar do “abuso e estafa da autoestrada”.
A maiores, explicou, no ano 2017, padecemos “o agravio” do veto do Partido popular contra a transferencia da AP-9, mostra “submisión e vasalaxe” do Partido popular galego ante o PP de Madrid porque “non pintan nada” ao igual que acontece coa tramitación dos orzamentos do Estado na que Galiza está “desaparecida”.
O nacionalista criticou que o Partido popular durante os anos 2012, 2014 e 2015 protestaba polas peaxes e as retencións pero agora cambiaron de rexistro e mesmo crearon “unha comisión bilateral fantasma” da que dixo, nos sabemos a que se dedica pero temos claro que seguen facendo o “papel de mamporreiros” do goberno central . “Non protestan e amparan as propelías e abusos de AUDASA”.
Bará recalcou que as retencións e atascos repetíronse durante a Semana Santa agravados polas obras da autoestrada que provocaron a retención de centos de automobilistas en longas colas en Vilaboa e tamén colas que obrigaron as persoas usuarias a saír por Padrón ante o colapso de Milladoiro na entrada de Santiago, iso si, tamén foron obrigados, recalcou, “a pagar a peaxe”.
Ante este abuso, repetiu o parlamentario, é preciso aportar solucións polo que pediu o apoio das forzas políticas á iniciativa nacionalista. Pola súa parte, o Partido popular propuxo outras medidas que modificaban o texto orixinal e que o BNG non aceptou por consideralas “insuficientes”.
Os votos en contra do Partido popular impediron que prosperara a iniciativa do BNG.