Tras impoñer o Partido popular a data para celebrar os días 4-5 e seis de outubro o Debate do Estado da Nación, a portavoz nacional e parlamentaria do BNG, Ana Pontón acusou ao PP de “oportunismo político” e a Feijóo de querer agocharse detrás do debate catalán porque sabe que o balance da súa xestión é nefasta en termos políticos, sociais e económicos”.
Na súa comparecencia, trala xunta de Portavoces, a nacionalista manifestou que a IIIª Lexislatura de Feijóo déixanos un retrato dunha persoa sen un proxecto de futuro para Galiza e que agarda dende a Presidencia da Xunta, unha oportunidade para “abrir a porta que Mariano Rajoy lle ten trancada”.
Dende o BNG, afirmou, parécenos inoportuna a elección destas datas e un “desprezo para Galiza” pero imos facer que o debate “se centre nos problemas pero tamén nas alternativas” para solucionar a grave situación pola que estamos pasando.
O BNG PIDE REPROBAR A RAJOY E A ANA PASTOR
Na Xunta de portavoces o BNG solicitou a reprobación de Rajoy e Ana Pastor por impedir o debate da lei de transferencia da AP-9, veto que a portavoz do BNG cualificou de “vergoñento”. Pontón advertiu que o Bloque non vai a aceptar nin “cruzarse de brazos” mentres se “dinamita a autonomía” e o dereito a poder defender iniciativas no Congreso para acadar unha autoestrada sen peaxes abusivas. É “reprobable o que está a facer o goberno central e o Partido popular pero tamén que non haxa ningún valedor para que esta lei fora aprobada”, recmarcou. É reprobable que ningún deputado ou deputada electos por Galiza pedira a reconsideración do “veto vergoñento” para transferir a AP-9 e dixo que a resposta ao veto ten que ir por dúas vías, “a política e a presentación dun recurso de inconstitucionalidade”. Hoxe, sen embargo, na xunta de Portavoces perdemos a oportunidade de responder contra o agravio do Partido popular, Mariano Rajoy e Ana Pastor.
Pontón anunciou que decida o que decida o Partido popular, o BNG presentará o recurso de inconstitucionalidade contra o veto da AP-9 fronte que a proposta do Parido popular dun informe xurídico para tomar unha decisión co fin de dilatar o debate. Neste sentido, asegurou que o Tribunal Constitucional é unha vía lenta que só actúa rápido cando lle interesa ao Partido popular. Dende o BNG sabemos que este é “ un problema político” e as forzas representadas no Parlamento galego “xa tardamos en dicirlle a Rajoy e a Ana Pastor que estamos en contra desta labazada a todos os galegos e galegas”.
A portavoz do BNG reiterou que a AP-9 afecta á vida de moitos galegos e galegas pero ademais é relevante porque constata a falta de “peso político de Alberto Núñez Feijóo que pola súa ambición persoal é incapaz de defender os intereses de Galiza e prefire quedarse coa imaxe de gran defensor de España”.
Noutra orde de cousas, avanzou que o BNG preguntará a Feijóo que queda da incumprida promesa electoral de Galiza primeiro?. Feijóo, só defende os seus intereses e cada vez está máis “inhabilitado” como Presidente da Xunta. “ Feijóo di Galiza primeiro e logo di si bwana ao veto da AP-9, Galiza primeiro e despois, si bwana aos recortes na alta velocidade, o financiamento en servizos públicos e si bwana a manter a dependencia política de Galiza”.