BNG pide a permanencia da “Tarxeta básica” como ponte durante a tramitación da RISGA, o IMV ou calquera prestación social

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil  denuncia un incremento da pobreza e risco de exclusión social, mesmo en persoas con traballo, e reclama ao Goberno galego medidas para garantir o emprego, a vivenda e ingresos necesarios para as persoas con dificultades

A portavoz  en materia de Dereitos sociais do BNG, Olalla Rodil avogou “pola permanencia da Tarxeta básica como ponte mentres dure a solicitude da   RISGA, o Ingreso Mínimo Vital ou calquera presentación social” co fin de garantir que  as familias  sen recursos podan sobrevivir.

Rodil considerou que o goberno galego ten capacidade para intervir con recursos económicos ante situacións de falta de condicións dignas polo que reiterou a urxencia de “manter a Tarxeta básica, máis alá da pandemia” porque representa “unha ferramenta útil” e vai no  camiño dunha nova concepción das axudas para ás persoas en situación de pobreza ou risco de padecela mentres se atopan na situación de solicitar a RISGA, o Ingreso Mínimo Vital ou “calquera outra prestación de inclusión social”, reiterou.

A deputada nacionalista considerou que a colaboración coa Cruz Vermella,   e de maneira excepcional durante a pandemia, “debe ser regulada pola Xunta”. Por outra parte, tamén aludiu  a reforma da Lei de Inclusión na que  deben ser  corrixidas “as eivas da RISGA”, prestación social que debe ser  destinada a complementar outro tipo de ingresos. Este tipo de prestacións deben poder ser solicitadas, a partir dos 18 anos sobre todo por persoas tuteladas con grandes dificultades para atopar traballo ao cumprir esta idade. Debemos, dixo, camiñar cara unha “renda única” con peso para a inserción social e laboral e sobre  este aspecto, lembrou a falta de execución nos Orzamentos do ano 20 en materia de empregabilidade e mellora da formación das persoas desempregadas así como a necesidade de reforzar os servizos sociais  comunitarios, sobre todo nun contexto de pandemia. Os Orzamentos para o ano 2021, engadiu  apenas contemplan un incremento de 307.000 euros, cantidade, “insuficiente” ante a crise da COVID  polo que reclamou aumentar os investimentos e persoal nos servizos comunitarios para traballar de maneira “máis efectiva e eficiente”.

A nacionalista reiterou que a senda a seguir é destinar unha parte dos servizos  sociais comunitarios á tramitación administrativa para poder acceder ás axudas e ao labor de intervención  social. “Máis recursos e máis persoal” e escoiten as propostas do BNG en materia de acceso á vivenda, un dereito social que precisa da mobilización da vivenda pública, incrementar a construción de vivenda pública e poñer vivenda baleira no mercado  para garantir un dereito básico que se converteu no maior factor de exclusión social en Galiza.

Tras a comparecencia do director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado para informar das liñas dirixidas ás persoas en risco de exclusión social polas consecuencias da pandemia, a nacionalista volveu a reclamar a “permanencia” da Tarxeta básica para garantir que as familias con grandes dificultades poidan contar con ingresos básicos para cubrir as súas necesidades.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG