O recente episodio de turbidez e contaminación do Eume é tan só a punta do iceberg dun grave problema ambiental que sofre este río e a súa bacía debido principalmente á contaminación provocada pola actividade de ENDESA, unha situación que se foi agravando ao longo dos anos coa pasividade cando non conivencia do Goberno da Xunta.
Para poñer fin a esta situación, o BNG presentou no Parlamento unha batería de iniciativas a través das que solicita ás comparecencias das conselleiras de Medio Ambiente e de Infraestruturas e a realización dunha auditoría independente en colaboración coa universidade sobre a contaminación do río e do impacto en diferentes eidos.
“Lanzamos un SOS para salvar o Eume”, salientou o portavoz parlamentario de medio ambiente, Luís Bará, promotor das iniciativas rexistradas na Cámara “para denunciar a situación, para esixir responsabilidades a ENDESA pola actividade mineira e pola explotación hidroeléctrica, -de feito o BNG propón que esta empresa compense economicamente polo dano causado-, e tamén denunciar as responsabilidades do Goberno do PP por acción ou omisión pola súa permisividade ante a empresa”.
Precisamente por esta esixencia de rendición do contas, o Bloque solicita a comparecencia de dúas conselleiras en Pleno e en comisión parlamentaria doutros cargos da Xunta, así como a remisión de toda a documentación do pacto ambiental asinado en 2012 entre o Executivo e a empresa, para poder analizar que actuacións se levaron a cabo e cales non e poden explicar a situación de deterioro actual do río.
En relación á auditoría que reclama a formación nacionalista, ese informe debe incluír a análise dos sedimentos depositados no leito do río que quedaron ao descuberto como consecuencia da forte baixada do nivel das augas do encoro da Capela; dos lixiviados e dos lodos e sedimentos acumulados no fondo da presa así como os riscos potenciais para o medio e a saúde.
Igualmente, o informe que reclama o Bloque debe desenvolver o proxecto de modernización dos desaugadoiros do fondo da presa, coas actuacións, estudos e análises relacionados con este proxecto, incluíndo a posíbel afección augas abaixo deste punto. E, por último, ten que analizar a posíbel afección aos bancos marisqueiros e aos recursos pesqueiros do río e da ría e outros impactos sobre o leito e a bacía do Eume provocados por infraestruturas, obras, actividades industriais, verteduras, alteracións no terreo e na vexetación.
“O obxectivo é coñecer o estado de contaminación do río como consecuencia da acumulación de depósitos no seu couce durante anos e da acumulación de lodos, e analizar as posibles consecuencias sobre a saúde, para os recursos naturais, para o abastecemento de auga e para actividade marisqueira”, conclúe Bará, que ven de facer unha visita ao río acompañado da portavoz municipal das Pontes, Silvia Pardo, e de Hixinio Adega, non seu día tamén concelleiro en As Pontes.