A deputada do BNG, Iria Carreira formulou unha pregunta parlamentaria á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez sobre a construcción dunha nova central hidroeléctrica en Brión. A deputada demandou a paralización do proxecto e criticou a falta de información á veciñanza, proceder, dixo, comparable ao seguido polo goberno galego no boom eólico.
Na súa intervención, a nacionalista explico que a veciñanza do concello de Brión e contorna vive con “grande preocupación” o anuncio da construción da central hidroeléctrica reversible no río Tambre ante o impacto negativo sobre as aldeas de Busto de Frades, Cornanda, Graña e Vilariño así como os concellos río abaixo até a ría de Noia e Muros.
Unha preocupación, recalcou a nacionalista, acrecentada sobre todo pola falta de información. “Vemos o que está a suceder co boom eólico, os proxectos aprobados con información escasa ata o punto de que fose motivo para que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza botar abaixo varios proxectos por non respectar os reducidos tempos de exposición pública” e agora temos un novo exemplo con esta central.
Nesta liña, indicou que a veciñanza presentou un gran número de alegacións para evitar a construción da presa polo asolagamento de terras forestais, pero tamén de cultivo e pastoreo nunha área eminentemente gandeira, o que vai supor un deterioro do medio económico e produtivo das parroquias afectadas. “Asolagamento” afirmou, que suporía a perda de patrimonio etnográfico e cultural, patrimonio material e inmaterial ademais da afectación sobre un espazo natural protexido, Zona de Especial Conservación do Tambre e zona da necesaria ampliación da Rede Natura. “Un río que xa ten sufrido un importante impacto após do encoro Barrié de la Maza, encoro complementario a esta balsa que está proxectada, e que supuxo a desaparición de múltiples peixes e outros vertebrados, pero tamén afectou á flora e animais de menor tamaño e hábitats de interese comunitario coma as uceiras secas europeas e os afloramentos rochosos con vexetación pioneira que corren o risco de desaparecer ante este proxecto”.
A preocupación, insistiu a deputada é fundada porque o bombeo duns 3 millóns de metros cúbicos de auga e a súa devolución ao encoro en moi pouco tempo ( 7h aproximadamente), “provocará o movemento dos sedimentos depositados no leito do encoro, o que pode supor un incremento da turbidez da auga que puidera afectar aos bancos marisqueiros”.
Ethel Vázquez elude pronunciarse sobre o futuro da central
Pola súa parte, a titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez non se comprometeu cos representantes da veciñanza afectada pola futura obra e presentes no debate parlamentario na tribuna de convidados e respondeu á deputada do BNG que o proxecto continuará adiante se cumpre a lei e eludiu pronunciarse sobre a falta de información denunciada pola deputada e afectados.
A nacionalista criticou “a falta de transparencia” da consellería sobre a futura construción da nova central hidroeléctrica e acusou ao departamento que dirixe Ethel Vázquez de practicar “o escurantismo e a política, de canto menos se saiba mellor”. Pero a veciñanza, advertiu Carreira, non vai permanecer inmóbil e dende hai unhas semanas xa está constituída a plataforma veciñal de “oposición” ao proxecto.
Hoxe, reiterou a deputada, queremos trasladarlle a preocupación das veciñas de Brión. “Preocupación pola afectación da balsa e da súa construción”, co tránsito de camións durante meses, o impacto nos montes e leiras que quedarán baixo a auga.
E esta preocupación esténdese a perda de patrimonio e paisaxe ademais de consecuencias sobre o sector agrario, gandeiro e forestal e mesmo turístico do río Tambre, da ría de Muros e Noia e sobre os bancos marisqueiros.
Non resulta de recibo, dixo, que unha empresa privada aproveite un recurso natural comunitario para xerar enerxía que pagarmos todos e todas e que vai incrementar os lucros para uns cantos accionistas, de aí a nosa pregunta para coñecer cales son as previsións da consellería para atender as reclamacións dos veciños e veciñas e “poder vivir tranquilas nas súas casas” sen verse ameazados polos “intereses dunha empresa privada” favorecida polo goberno para acometer a nova central hidroeléctrica en Brión.