O BNG pide paralizar a venda do Centro Galego de Bos Aires e que a Xunta se implique nunha solución

Centro Galego de Bos Aires (Arxentina)
Centro Galego de Bos Aires (Arxentina)

Batería de iniciativas no Parlamento para salvagardar esta institución emblemática e centenaria creada pola diáspora galega en Arxentina

 

Santiago de Compostela, 7 de Decembro 2018.- O BNG presenta unha batería de iniciativas parlamentarias de cara a conseguir a preservación do Centro Galego de Bos Aires, en situación agónica, ante a indiferenza do Goberno central e da Xunta e pese a declaración institucional da Cámara galega resaltando o valor desta institución centenaria co obxectivo de conservar unido todo o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural da entidade.

Nesa mesma declaración, o Parlamento instaba á Xunta e ao Executivo central a levar a cabo actuacións concretas ante o Goberno arxentino para buscar unha solución,-necesariamente política a xuízo do Bloque-, para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico e editorial.

Por iso, e tras os contactos mantidos pola portavoz nacional, Ana Pontón, e pola eurodeputada, Ana Miranda, na súa recente viaxe a Arxentina, o BNG presenta unha proposición non de lei na que reclama a implicación da Xunta tanto para paralizar a venda da entidade como para garantir a súa viabilidade e protección. Con tres propostas concretas.

En primeiro lugar, dirixirse ás autoridades arxentinas para paralizar a venta do Hospital do CG e buscar unha solución que inclúa un plan de viabilidade, -coa implicación da fundación Ospaña ou a integración na rede pública de hospital-, para preservar e garantir a atención médica de calidade os actuais socios e socias. Igualmente, a implicación do Executivo arxentino na reestruturación da débeda da entidade, xerada pola propia intervención estatal.

En segundo lugar, tomar todas as medidas que sexan necesarias, conforme o establecido na lexislación galega, para preservar o patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial que posúe o CG promovendo un labor de inventariado e control do actual estado de todo este patrimonio.

E, finalmente, a PNL do Bloque tamén propón apoiar á declaración de Sitio Histórico da habitación 202 do Centro Galego, onde permaneceu internado e faleceu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 7 de xaneiro de 1950, así como trasladar ao Goberno arxentino a preocupación de Galiza polo perigo de desaparición deste espazo emblemático.

Evolución da entidade

Desde 2011, ano en que a Xunta liquida a Fundación Galiza Saúde que daba soporte ao CG, o Goberno galego avanzou sen pausa no abandono da entidade, e pese ás declaracións oficiais de apoio económico, a institución entra en concurso ate ser intervida polas autoridades arxentinas. A situación agrávase tras a marcha da fundación OSPAÑA, cuxa continuidade tería evitado as dificultades económicas.

Nos últimos tempos o CG ten perdido 1.200 postos de traballo, está inmerso nun desorde administrativo e financeiro e carece dunha estratexia que permita a continuidade do centro, ademais de quedar en evidencia que o obxectivo non era reflotar a entidade, senón desmantelar o hospital. De feito, a institución tiña unha débeda de 60 millóns de pesos antes da intervención e hoxe ascende a 1.700 millóns de pesos arxentinos, fundamentalmente polos retrasos nos pagos e salarios e polos custes de despidos que foron declarados nulos ou improcedentes pola xustiza arxentina.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG