BNG pide mellorar as condicións do centro e a asistencia das persoas ingresadas no Hospital psiquiátrico de Conxo

Iria Carreira
Iria Carreira
Iría Carreira denuncia  o “abandono” da administración pública do centro agravado no contexto  COVID, falta de persoal sanitario e recursos para atender aos pacientes e inexistencia dun protocolo contra as violencias machistas

A portavoz de sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira formulou unha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a actual situación de “abandono” por parte da Administración pública do Hospital e reclamou mellorar as condición do centro e a asistencia das persoas usuarias do Hospital psiquiátrico de Conxo.

A deputada,  salientou as “graves carencias”, tras anos de deterioro, entre as que destacou, filtracións por humidade, despegue de pinturas das paredes por falta de illamento do frío e a chuvia así como goteiras  dos tellados tamén moi deteriorados.

Ademais, engadiu que a instalación eléctrica e “deficitaria” e os materiais do ximnasio  obsoletos. “Infraestruturas deterioradas ata o punto de que no pasado mes de outubro se avariou unha das portas de seguridade dunha unidade de especial vixilancia e  durante máis de 24h  foi asegurada cunha venda para  evitar a entrada de persoas do exterior ou a fuga de pacientes ingresadas.

Por outra parte, destacou que o Hospital presenta “unha grave carencia de persoal”, e urxe a contratación de máis psicólogas, traballadoras sociais, fisioterapeutas ou terapeutas ocupacionais para prestar a atención multidisciplinar que requiren estes pacientes. Deficiencias de persoal e de medios que se manifestan, dixo,  tamén na falta de seguridade para pacientes e profesionais. “O sistema LOLA de alerta inmediata non funciona” e ante brotes de agresividade das pacientes, “as profesionais vense sen medios e  sen recursos para poder controlalos”.

Si as condicións son duras habitualmente, explicou  a nacionalista, se agravan en tempos de pandemia como aconteceu cun gromo de COVID entre pacientes e traballadores  que puxo de manifesto as  carencias estruturais e funcionais do  centro e  evidenciou  “a inoperancia da Xerencia Sanitaria de Santiago e Barbanza”  coa  falta dun  plan de continxencia fronte á COVID-19.

Esta situación foi denunciada polo BNG,  sindicatos e o  propio Movemento Galego de Saúde Mental, nun comunicado no que denuncian que: “Non se actuou, por parte das autoridades sanitarias, con celeridade desde o inicio da pandemia e mantívose durante todos estes meses unha situación de desigualdade discriminatoria dos pacientes que alí residen (moitos deles levan décadas vivindo no Psiquiátrico) con respecto ás persoas que viven fora. Todos e todas estamos vivindo unha situación de excepcionalidade desde hai case un ano. Todos e todas vivimos un confinamento domiciliario durante meses, e actuais restricións perimetrais e cambios no noso estilo de vida, de ocio, familiar e social. Pero hai persoas que seguen a vivir nunha situación de restrición excepcional, como son os residentes dos hospitais psiquiátricos, que non se xustifican pola situación epidemiolóxica (variable) desde o inicio da pandemia.

A maiores,  das denuncias do Movemento Galego de  Saúde Mental  a deputada do BNG denunciou a  “utilización da contención mecánica” como un mecanismo utilizado de xeito recorrente e sen o debido control.

 Por outro lado, dixo, as mulleres ingresadas presentan un perfil de maior dependencia, e hospitalizacións máis prolongadas, teñen menor probabilidade de retornar ao domicilio trala alta e ingresan máis nos módulos pechados. O acceso aos talleres ocupacionais manifestan unha  división estereotipada das tarefas, atopándose o de lavandería ocupado maioritariamente por mulleres, sen contar ademais unha adecuación das tarefas ao seu estado físico. Parécelle que pode haber algunha xustificación para que as mulleres se dediquen a lavar a roupa mentres os homes se encargan da carpintería ou do xardín? preguntou a deputada.

Outro dos aspectos alarmantes é a “inexistencia dun protocolo de prevención e protección contra a violencia machista”, ou calquera outro tipo de violencia ou abuso padecido no centro hospitalario.

Para a deputada, o abuso das opcións reducidas á terapia ocupacional, a falta de protocolos para o tratamento das adiccións e de prevención do suicidio, o mal estado do edificio ou o abuso das contencións mecánicas inciden moi negativamente na atención sanitaria.

Tras a intervención do   Xerente do Sergas, José Flores Arias  a deputada replicou que “as persoas con patoloxía psiquiátrica non son enfermas de segunda nin de terceira” e volveu a denunciar as contencións mecánicas, sobre todo en pacientes mulleres, a falta dun protocolo contra violencias machista e a  falta de persoal e medios ao que sumou as deficiencias na estrutura do edificio. Carreira  lamentou que o titular do SERGAS non amosara un “compromiso real” para resolver todos os aspectos denunciados polo BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG