O Grupo parlamentario do BNG rexistra unha Proposición non de lei para subsanar o desfase entre a hora oficial e a hora solar
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera asegura que Galiza comparte fuso horario con Polonia, Suecia ou Noruega. Por unha razón política, o Goberno español baixo a súa soberanía, impuxo o mesmo horario peninsular a pesar da diferenza de case unha hora entre Fisterra e Barcelona.
Esta circunstancia, asegura o deputado na Proposición non de lei rexistrada para o seu debate en pleno, provoca que Galiza sexa un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar. Galiza xeograficamente está no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1 e no verán as zonas máis occidentais de Galiza chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar.
Historicamente o nacionalismo galego baseou en análises científicas as súas alternativas políticas, a diferenza dos que utilizan como bandeira o prexuízo, o complexo e a autonegación. Aqueles que descualifican o simple inicio deste debate en base a prexuízos ideolóxico-políticos antigalegos deben saber a aberración científica na que se sustenta o actual fuso horario, pois non hai ningunha razón de aforro enerxético ou de calidade de vida que o avale. Ao contrario, trátase dunha decisión estritamente política que naceu da vontade do Estado español, nos primeiros anos do franquismo, de homologar o seu horario oficial co da Alemaña nazi.
Reputados expertos, explica Jorquera, comezando polo Presidente da Comisión nacional para a Racionalización de Horarios comparten abertamente esta tese desde unha perspectiva non ideolóxica e dende outros ámbitos científicos tense tamén salientado a necesidade de procurar a idoneidade dun fuso horario para Galiza que permita maior aforro enerxético e mesmo unha mellor calidade de vida para galegas e galegos. Inciden especialmente estas teses na conclusión de que co actual sistema os galegos perdemos cartos, pois lonxe de producir aforro, provoca un maior gasto enerxético.
Por estas razóns, o BNG insta á Xunta de Galiza a demandar o cambio de fuso horario para adecuar a hora oficial de Galiza á dos países situados no seu mesmo meridiano.
Por outra parte, o BNG tamén pregunta se a Xunta coñece a inadaptación do fuso horario que na actualidade lle corresponde a Galiza, un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a hora solar.