O BNG pide a dimisión do secretario de P. Lingüística polo conflito laboral do profesorado CELGA

O profesorado dos cursos CELGA foi despedido tras presentar reclamacións ante a Inspección de Traballo por “traballar sen contrato e sen Seguridade Social”

Ana Pontón na  comisión de Educación e Cultura

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe na Comisión de Educación e Cultura celebrada no Parlamento galego, “a dimisión de Valentín García” ante o conflito laboral creado pola secretaría xeral de Política Lingüística que despediu ao profesorado dos cursos preparatorios CELGA.

A deputada explicou que a Inspección de Traballo sancionou á Xunta de Galiza pagar as contías adebedadas á Seguridade Social,  tras ser presentada unha demanda dos traballadores reclamando os seus dereitos laborais e acusou ao titular de Política Lingüística de “crear un novo problema deixando a moita xente no paro”.

Os cursos de ensino galego para persoas adultas “ non comezaron con normalidade” afirmou a deputada que alertou ademais da presentación de máis reclamacións, e “todo por despedir pola porta de atrás a traballadores e traballadoras que reclamaban os seus dereitos laborais”.

A deputada lembrou que no mes de xaneiro foi publicada a listaxe provisional do profesorado colaborador para impartir os cursos como se viña facendo durante trinta anos, e agora que hai unha sentenza que recoñece os dereitos laborais destes traballador@s, “vostedes deciden despedilos”.

Para a deputada os despedimentos responden a unha “persecución da Xunta de Galiza” que está a pisotear os dereitos da lingua galega e os dereitos básicos dos traballadores.

Vostedes tiveron propostas dende o ámbito sindical para solucionar este problema pero cerráronlles a porta para non atender as reclamacións, censurou a nacionalista.

A secretaría Xeral de Política Lingüística estase a converter “nun instrumento represor do galego e dos traballadores que reclaman os dereitos laborais”, afirmou Pontón.

Pola súa parte, Valentín García negou “revanchismo e persecución do profesorado” e asegurou que a Xunta agardará ao remate do proceso xudicial para tomar unha decisión.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG