O BNG rexeitou o Proxecto de lei para a mellora da xestión do ciclo integral da auga e pediu a súa devolución para elaborar un novo texto que recolla as suxestións de todos os axentes implicados baixo un “gran acordo de país”. A emenda de devolución, defendida polo portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular e o proxecto seguirá o seu trámite parlamentario.
Na defensa da emenda á totalidade, Bará recalcou que “a auga é un ben escaso e un dereito esencial” e non “un ben comercial”. Neste sentido, considerou que o proxecto de do PP é produto “dun goberno interino” que funciona por inercia, “ desbordado, descabezado, desorientado e desconectado da realidade”.
Este proxecto, dixo “non ten en conta a realidade do país” e precisamos un “novo modelo” que se axuste aos parámetros da nova cultura da auga, aspecto que non está presente neste texto. Por outra parte, o Goberno galego tampouco ten en conta o cambio climático para actuar “non só nas infraestruturas” senón na “conservación, preservación e protección dos recursos”.
O nacionalista afeou á conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Ethel Vázquez por defender un proxecto que non atende ao contexto de “grave crise económica e social”. Vostedes, dixo, non puideron escoller o peor momento para tramitar este proxecto de lei “unha puñalada nas costas das persoas consumidoras, empresas e concellos”.
Nesta liña insistiu en que o proxecto de lei do PP busca recadadar, está concibido de maneira “cerrada e sen planificación” coa suba “abusiva de impostos”, extorsiona aos concellos e nega calquera tipo de diálogo ou discrepancia.
Este proxecto responde a unha concepción “obsoleta” e enganosa sobre a mellora da xestión da auga cando en realidade a xestión estará centrada en “captar, transportar, subministrar, depurar e tirar ao mar”. Esta non é unha política de xestión integral da auga, recalcou.
A xuízo do parlamentario do BNG, o proxecto de lei incide na “recadación” e “agocha unha suba de impostos no peor momento”. O PP, con esta norma subirá os impostos ás empresas, as persoas e incrementará os gastos dos concellos.
O proxecto, indicou, contempla 28 depuradoras en 37 concellos e a previsión de ingresos pasa de 5,8 M€ a 12,4M€, “seis millóns máis” que serán ingresados a través da depuradora dos Praceres de Pontevedra, 1M€ máis ao ano, Gondomar 500 mil euros, Ribadeo máis 300 mil euros máis, Dena, Meaño e Sanxenxo con máis de 338 mil euros, Ares, Fene e Mugardos, 565.000 euros ou Melide con 237 mil euros, etc. Vostede, terían que comunicar estas previsións á cidadanía.
Ademais, resulta unha lei de “extorsión” para os concellos ao obrigalos a un plan de investimento nun período moi curto que os conducirá “á banca rota”.
O Partido popular pretende “asfixiar aínda máis aos concellos” coa suba da auga. Ademais, este proxecto “é o resultado dun fracaso” porque xestionaron mal e a pesar de investir 1.100 millóns de euros ao longo de 13 anos , a realidade constata “unha situación desastrosa nas rías con máis de 280 vertidos contaminantes” que restan produtividade nas rías como acontece na de Arousa que perde 10 millóns de euros ao ano.
As depuradoras galegas, municipais ou xestionadas pola Xunta “funcionan mal”, o proxecto non contempla os humedais ou as reservas naturais fluviais. Ademais a súa consellería deixou, no ano 2018, de executar 25 de millóns de euros dos 38 de Augas de Galicia, isto é a constatación da súa “mala xestión” ao que sumou a incapacidade para xestionar 115 M€ dos fondos Feder para medio ambiente e política hidráulica no período 2014- 2020.
Bará tamén subliñou que a Unión europea multou ao Goberno galego por non cumprir as recomendacións sobre a calidade das augas das rías e ríos galegos.
O deputado concluíu afirmando que “é un texto de imposición” que impediu un “acordo de país” porque o que realmente pretende o PP é botarlle a culpa aos concellos e impoñer unha “suba abusiva de prezos da auga” no peor contexto de crise económica.