Ana Pontón defendeu readmitir ao profesorado dos cursos CELGA garantindo os seus dereitos laborais, cumprir ás resolucións da Inspección de Traballo e reformular a ensinanza do galego para adultos.
O Partido popular volveu rexeitar hoxe unha Proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Ana Pontón destinada a restituír os dereitos laborais do profesorado dos cursos CELGA, despedidos pola Secretaría xeral de Política Lingüística.
Na súa intervención, Ana Pontón pediu o cese do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e o Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García por represión e autoritarismo contra o colectivo de profesoras/es dos cursos CELGA e vulnerar os dereitos fundamentais deste colectivo.
A nacionalista lembrou que o pasado mes de xullo, a CIG-Ensino facía pública a sentenza do Social nº3 de Compostela que condenada a Xunta a readmitir a unha das traballadoras que viña impartindo os cursos para obter certificados acreditativos da lingua galega (CELGA), así como o abono do salario polo tempo de contratación ao longo de 2014, sentenza, recalcou a deputada pon de manifesto a vulneración dos dereitos fundamentais da Xunta de Galiza a esta traballadora.
AGE, Grupo Mixto e PSOE secundan a petición do BNG para cesar ao conselleiro de Educación e o secretario Xeral de Política Lingüística
A xuízo da nacionalista, a sentenza repara nun atropelo democrático e dá a razón ás denuncias sobre represión e autoritarismo no proceder da Secretaría xeral de Política Lingüística e a consellería de Educación polo que reiterou a petición de cese dos seus máximos responsábeis, petición secundada polo Grupo Mixto, AGE e PSOE.
Para a deputada, o lóxico é reparar o dano e reconducir a situación comezando pola readmisión de todo o profesorado que impartía os cursos Celga, garantir os seus dereitos laborais, respectar as resolucións da Inspección de Traballo e reformular a ensinanza de galego para adultos ampliando e diversificando a oferta actual co fin de contribuír ao proceso de normalización do idioma galego.
O Partido popular anunciou o seu voto en contra das reclamacións da Proposición nacionalista e acusou ao BNG de desproporción por acusar a Jesús Vázquez e Valentín Garcia de represalias laborais contra os traballador@s.
Finalmente, o PP xustificou o seu voto contrario argumentando que o proceso xudicial segue aberto, a pesar de existir catro sentencias favorábeis ao profesorado Celga.