A deputada do BNG, Mercedes Queixas formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre o proxecto de nova construción do tendido eléctrico que atravesa a zona sur do concello de Arteixo.
A nacionalista cualificou de “confuso” o proceso dende os seus inicios cun proxecto “sen transparencia” e grandes dificultades para o seu acceso, a pesar da súa publicación no BOP ao que sumou a “falta de información ás persoas afectadas”.
Pola súa parte, a directora Xeral de Planificación enerxética, Paula Uría Traba eludiu comprometerse cun trazado alternativo ao tendido eléctrico alegando que o goberno cínguese á normativa vixente.
Para a deputada a resposta da directora Xeral non se corresponde coa realidade e a pandemia incrementou as dificultade para consultar o proxecto, presentar alegación e comunicacións de tramitación por parte da Xefatura Territorial. “Levamos moito tempo con grandes restricións sobre todo de mobilidade” o que imposibilita acceder a Coruña para formalizar calquera trámite polo que pediu flexibilidade.
Dende o BNG, recalcou Queixas, demandamos que se establezan mecanismos que garantan a “transparencia, e lectura rigorosa de todas as alegacións” para tomar as determinacións necesarias que, ao noso xuízo, pasa polo cambio do trazado.
Na súa intervención, Mercedes Queixas tamén preguntou como pode xustificar o goberno que despois de ser presentados outros trazados alternativos, a Xunta persista en manter o mesmo trazado a pesar da invasión que provoca na “vida e propiedades das persoas”. Porqué non foron estudadas outras variantes? Todo indica, recalcou que é “un trazado que unicamente interesa á empresa encargada da obra”.
A nacionalista lembrou que os “informes do ano 2015” recomendaban outro trazado polo alto número de trazados eléctricos xa existentes na zona entre os que destacou o Polígono de Sabón. Non estamos nun lugar no que haxa que empezar de cero en instalacións eléctricas, dende o BNG non entendemos “a teima” do goberno por manter un trazado prexudicial para a poboación, reiterou.
A directora Xeral de Planificación Paula Uría Traba, explicou que a liña de alta tensión é unha liña de evacuación de enerxía eléctrica e o punto de vertido está regulado por unha normativa estatal e anunciou que todas as alegacións recibidas “serán avaliadas” e se o proxecto non se axusta á normativa técnica, ambiental e urbanísticas, “o proxecto sería rexeitado”, afirmou.
A deputada do BNG lembrou que a liña eléctrica conta con 13.600 metros de tendido aéreo , 47 torres de alta tensión de 42 metros de altura e afecta a unha zona reservada da Biosfera e zonas de humedais como Sisalde ou Barrañán, ademais de humedais costeiros da rede natura na Costa da morte. Para a deputada, a afección da liña eléctrica merece unha reflexión do goberno galego e a necesidade dun cambio de trazado. Neste sentido, avanzou que o BNG permanecerá alerta sobre as decisións da Xunta tras valorar as alegacións e seguirá reclamando un trazado alternativo amplamente demandado pola poboación afectada.