O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas urxiu ao goberno a cumprir o seu compromiso e dotar as instalación do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo (CIAM) ante o deterioro do material e as precarias condicións laborais do persoal investigador e de campo.
A través dunha pregunta parlamentaria, Rivas explicou que o Centro de Investigación Agraria de Mabegondo, o Marco da Curra, Lourizán ou a finca Robles da Pobra do Brollón formaban un “complexo modélico e avanzado na investigación”.
O CIAM e fincas e instalacións asociadas, convertéronse en guía dunha boa porcentaxe da Revolución do Leite nas décadas dos 80 e 90. Pero todo iso, afirmou o nacionalista “foi rebentado polo Partido popular” deixando sen actualizar o mantemento do centro con “instalacións acaídas” e liñas de investigación “punteiras” cun tecido de transferencia á terra pisada e labrada agardando poñelas en marcha.
Toda investigación agraria, sinalou o deputado necesita “extensión de terra, instalacións, maquinaria, animais e persoal investigador e de persoal de Campo”, pero no CIAM e nas fincas asociadas “o declive é notorio” e o abandono e
desmantelamento da investigación agraria pública faise ver non so no maltrato persistente ás prazas de investigación senón tamén nas instalacións, maquinaria, terras e persoal de campo”, reiterou.
Falamos, dixo, dun centro de investigación que debería mostrar as innovacións en maquinaria e apeiros que configuran a “agricultura de precisión”, en paralelo co guiado autónomo por satélite das máquinas motrices e os apeiros intelixentes dotados con capacidade para utilizar as doses mínimas e correctas de sementes, de adubos ou de fitosanitarios para optimizar o rendemento das colleitas pero o que atopamos, é “maquinaria obsoleta e remolques que non poden pasar a ITV.
Sen dotación orzamentaria.
Rivas lembrou que nas Instalacións na estación experimental agrogandeira da Pobra do Brollón, o taller de maquinaria completamente incendiado en abril de 2021, na actualidade continúa “sen reconstruír”, comprometendo a operatividade da estación, de especial importancia por ser de regadío, situada no ámbito do Val de Lemos. A nave das vacas de carne, construción que como o resto do complexo está a piques de derrubarse, co risco para a seguridade dos traballadores, do benestar animal e da conservación do patrimonio.
Precarias condición laborais do persoal
Nesta liña, Xosé Luís Rivas denunciou que continúan sen cubrir os postos vacantes e na última modificación da RPT da AGACAL minoraba en case 400 mil euros, o capítulo I do CIAM en conxunto, o cal se viña a sumar a outros 2 postos de investigacións subtraídos para nutrir a XERA, no ano 2019.
Sobre o persoal auxiliar de campo (técnicos de grao medio e superior da área agraria, tractoristas, oficiais de campo, encargados agrarios), todos e imprescindíbeis para o desenvolvemento das investigacións en curso, tamén se ven afectados pola temporalidade, non se lles recoñece a igualdade de pluses e complementos de perigosidade, toxicidade e penosidade que se unen á falta de convocatorias de oposicións de forma regular para o persoal técnico da rama agraria,especialidade que se imparte nas escolas da propia consellaría do Medio Rural.
Tras a intervención do director xeral de Agricultura e Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos que restou importancia a situación descrita polo deputado nacionalista, o parlamentario do BNG replicou que os traballadores e traballadoras de campo corren “un grande risco” polas condición de traballo. Deste persoal, “ninguén se ocupa e está apartado” e con material “obsoleto”, recalcou.
Finalmente, Xosé luís Rivas lamentou que o responsable de Agricultura e Calidade Alimentaria negara unha situación que xa foi denunciada e que o goberno do Partido popular se empeña en ocultar. O Centro de Investigación Agraria é “un tesouro” e vostedes dixo, non queren coidalo, sentenciou.