A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai pedir ao Parlamento galego a reprobación e cese do fiscal xefe de Ourense, despois de que este decidise recorrer o arquivo da investigación contra José Manuel Baltar acusado de ofrecer traballo a cambio de sexo, para abrir unha causa contra a muller denunciante.
Pontón, que hoxe visitou a comarca de Valdeorras, cualificou de “escándalo” que se persiga a vítima por parte de quen cualificou como “o Moix de Galiza”, en referencia a Manuel Moix, reprobado polo Congreso e posteriormente dimitido como fiscal anticorrupción. “Todas puidemos escoitar as gravacións”, alegou.
“Consideramos un escándalo que unha muller que denuncia un caso de violencia de xénero, -porque todos e todas puidemos escoitar as gravacións-, sexa perseguida polo fiscal xefe de Ourense, que en lugar de perseguir ao agresor se poña do seu lado. Supoño que o feito de que se trate do señor Baltar explica este disparate”, criticou Pontón.
A dirixente nacionalista deixou claro que o Bloque non pode quedar calado ante este intento de “amedrentar” a quen se atreve a denunciar as “cacicadas” do clan Baltar.
“O fiscal xefe de Ourense o que acaba de demostrar é que é o Moix de Galiza”, criticou, “e ante unha situación tan grave no que houbo unha muller acosada, o BNG non vai quedar de brazos cruzados porque sabemos os vínculos que hai en moitos casos entre o poder xudicial e o PP”.
Pontón avanzou que o Bloque vai pedir “que o Parlamento reprobe e reclame o cese do fiscal xefe de Ourense, porque é intolerable esta situación e non é posible o responder co silencio ante un intento claro de amedrentar ás persoas que denuncian o caciquismo e os abusos da familia Baltar, dos que temos abundantes exemplo”, concluíu.