O BNG leva ao Parlamento galego unha iniciativa en apoio ao historiador Carlos Babio ante o acoso da familia Franco que ven de presentar unha denuncia contra o autor do libro Meirás: Un Pazo, un caudillo, un espolio, no que documenta e fundamenta porque este e outros bens deben ser devoltos ao seu lexítimo dono, o pobo galego.
Así o avanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, que hoxe participou nun acto simbólico de apoio a Babio diante da Casa Cornide, outro exemplo de patrimonio espoliado que segue en mans da familia do ditador. Acto no que acompañaron ao historiador a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartin, o candidato a Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, e a candidata á Alcadía de Sada, Isabel Reimóndez.
“Debemos actuar para amparar a quen está defendendo a verdade histórica e para repudiar a actuación da familia Franco que, ten que sabelo, non vai conseguir amedrentarnos con denuncias porque somos unha sociedade democrática e somos moitas máis as que dicimos que hai que poñer fin á impunidade do Franquismo”, salientou
Pontón fixo extensivo este acto de apoio a todas as persoas que traballan na recuperación da memoria histórica “sabendo que o importante e reparar e recoñecer as vítimas, acabar coa vergoña dun Estado español que 40 anos despois aínda non condenou os crimes do franquismo nin foi capaz de recuperar o patrimonio espoliado como a Casa de Cornide ou o Pazo de Meirás, hoxe símbolos do espolio pero que queremos converter en símbolos da dignidade dun país”.
O Bloque reclama acabar coa “impunidade” dos herdeiros do Franquismo, que reaccionan con denuncias ante unha sociedade civil que precisamente planta cara a esa impunidade. “Como demócratas temos que saír a apoiar a quen está sendo inxustamente denunciado e tamén a deixar claro que non imos dar nin un só paso atrás”, indicou Pontón.
A dirixente nacionalista urxe “accións contundentes para pararlle os pés á Familia Franco” e lembra que hai unha axenda galega de recuperación da memoria histórica “que segue metida nun caixón por parte do Goberno central”. “Eu mesma remitín unha carta a Pedro Sánchez para que antes de finalizar a lexislatura se procedese a poñer unha denuncia para reclamar a titularidade do Pazo de Meirás. Lamentablemente hoxe asinouse o decreto de convocatoria de eleccións e nin houbo resposta, nin houbo denuncia”, indicou. “Por xustiza, por respecto ás vítimas e por elemental democracia, o Estado debe actuar para acabar cos privilexios dos herdeiros do Franquismo”, concluíu.