A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa na XXVI edición do Foro de Sao Paulo, que aglutina ás organizacións de esquerda e progresistas latinoamericanas e caribeñas e conta cunha ampla representación de forzas políticas de esquerda europeas.
“A celebración do Foro de Sao Paulo prodúcese nun escenario internacional complexo, con vitorias de moitos gobernos progresistas, pero tamén co reto de acadar a integración de moitos países”, explica a eurodeputada galega, quen tamén sinala o cambio climático, a loita contra os efectos do neoliberalismo como outros dos retos que se plantean nas xornadas.
Neste marco, Ana Miranda salienta a visita que onte realizou ao Foro o presidente de Brasil, Lula da Silva, co obxectivo de amosar o seu apoio á organización do mesmo fronte ás críticas recibidas pola extrema dereita, similares as vertidas no propio Parlamento Europeo. Así, desde o Foro de Sao Paulo saliéntase o multilateralismo e a importancia do peso que América Latina debe ter no mundo, polo que consideran fundamental a celebración da conferencia de presidentes CELAC-UNIÓN EUROPEA, que terá lugar proximamente en Bruxelas.
Grupos de traballo
A eurodeputada do BNG participa en diferentes grupos de traballo que se celebran no programa do Foro, como o que se celebrou onte sobre a integración rexional latinoamericana e caribeña e os desafías dos gobernos de esquerda, o encontro de mulleres que terá lugar hoxe, así como o debate sobre as consecuencias da desinformación..
O Foro de Sao Paulo foi fundado en Brasil en 1990, cando partidos de América Latina e el Caribe reuníronse por convite do Partido dos Trabalhadores (PT Brasil) co obxectivo de debater unha alternativa popular e democrática ao neoliberalismo que iniciaba unha fase de ampla extensión internacional. Precisamente un dos seus fundadores, o responsable de Internacional do PT, Marco Aurelio García, recibiu unha fonda homenaxe. “Para nós esta homenaxe tivo un significado moi especial, xa que foi quen nos abriu as portas ao BNG”, salienta Ana Miranda, quen lembra que o Bloque participou nas edicións de 2003, 2007, 2014 e 2018, e ten o estatuto de organización observadora desde 2001.