parlamento galego

BNG obtén a unanimidade do Parlamento para que o estado facilite a regularización das embarcacións e a potencia dos motores

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez denunciou que a nova normativa deixaría “numerosas embarcacións en terra”, xa que “a discordancia entre a potencia real e a habilitada afecta a moitas embarcacións”

A potencia dos motores e o número de GTs son interpretadas pola UE, explicou, como unha maior capacidade de pesca, algo que negou a deputada do BNG, “porque o que ten que pescar cada quen está rigorosamente establecido e controlado”

O BNG obtivo o voto unánime do Parlamento para trasladar ao goberno central a demanda de flexibilizar a normativa pesqueira e adaptala á realidade do sector do mar en Galiza e, en particular, a potencia dos motores das embarcacións.

A Unión Europea, denunciou a portavoz de Pesca, Rosana Pérez, “mide a capacidade de pesca da frota comunitaria pola capacidade de arqueo bruto, é dicir, de GTs das embarcacións e pola potencia do motor”. Isto penaliza á frota galega, porque os cambios e innovacións da embarcación son esenciais “para a seguridade, estabilidade  e mobilidade”, remarcou.

“Hai barcos que tiñan un número determinado de cabalos e que cambiaron o motor, incrementando o cabalaxe pero sendo moito máis eficientes e consumindo moito menos combustíbel”, argumentou a deputada do BNG, que fixo unha comparación co funcionamento dos coches “de hai 30 anos cos de hoxe”, onde as melloras no motor implican unha maior potencia e, no entanto, un menor consumo de combustible, características, “que non teñen porque supoñer unha maior captura porque o que ten que pescar cada quen está rigorosamente establecido e controlado”, declarou.

Pérez puxo o foco na situación que se dá “en toda a UE, onde existen as cotas e os TACs que regulan a cantidade que se debe pescar e existen controis para garantir que se respecten esas cotas. Non ten sentido que se penalice a cabalaxe”, emprazou, en relación á normativa que aprobou o goberno central en decembro, que establece a prohibición de faenar “cun buque de pesca equipado cun motor cuxa potencia exceda da establecida na licencia”.

A portavoz de Pesca advertiu que con esta normativa pode haber barcos que sexan expulsados da actividade e que se volvan a producir, como noutras ocasións, despezamentos e perda de postos de traballo”, polo que emprazou á Xunta “a non ser unha mera tramitadora de expedientes” e a demandar do goberno central  “medidas, as que sexan necesarias, para facilitar unha regularización definitiva da frota pesqueira galega e as competencias plenas en ordenación pesqueira”. Iniciativa que acadou o respaldo de todas as forzas políticas da Cámara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG