parlamento galego

BNG obtén o compromiso do Goberno do PP para a execución das obras de mellora da seguridade na dársena de Malpica

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Pérez criticou que Portos de Galiza “tarde catro anos, e só pola insistencia do BNG” en anunciar medidas “imprescindibles” para que non se repitan sinistros como o ocorrido co afundimento do barco Silvosa e o falecemento do seu patrón

O BNG conseguiu na Cámara o compromiso do Executivo do PP para poñer en marcha as melloras de seguridade na dársena de Malpica, un dos portos pesqueiros máis senlleiros de Galiza no que existe un grave problema de seguridade polas correntes interiores da dársena que dificultan a entrada e saída de barcos.

O deputado da Costa da Morte, Daniel Pérez, celebrou os anuncios feitos hoxe por Portos de Galiza, “froito da insistencia do BNG en sede parlamentar”, mais lamentou que, no momento, “só queden en anuncios de liñas de actuación”.

Pérez denunciou o “atraso” de catro anos na realización de ditos estudos por parte de Portos de Galiza, uns estudos, ademais, iniciados dous anos despois do afundimento do buque “Silvosa” no porto de Malpica o 20 de decembro do 2018 e no que faleceu o patrón do barco, o que demostra que “a entrada e saída de embarcacións constitúe un perigo constante para a integridade, non só das propias embarcacións, senón da propia integridade física dos mariñeiros”.

“Isto tardou demasiado tempo”, denunciou, en contraste cun BNG “para o cal isto foi unha prioridade dende o minuto un da lexislatura, como vimos demostrando todas as veces que levamos este tema ao Parlamento”, incidiu. Un perigo, lembrou o deputado do Bloque, que xa fora advertido polo informe de decembro do 2020 da Comisión Permanente de Accidentes de Incidentes Marítimos, que advertiu que a causa do accidente do Silvosa foron das fortes correntes de acceso ao porto e no canal de acceso á dársena interior do porto de Malpica.

“O inxente traballo desenvolto dende a confraría e o conxunto da comunidade pesqueira de Malpica non se viu acompañado nestes anos por unha actuación imprescindible da Xunta de Galiza para solucionar un problema gravísimo”, valorou o parlamentario do BNG.

O deputado da Costa da Morte advertiu que a formación nacionalista vixiará o cumprimento do compromiso do Goberno do PP “para que isto non quede nun anuncio” e anunciou que o BNG demandará de xeito inmediato en sede parlamentar “un compromiso orzamentario” para garantir que a seguridade no porto de Malpica sexa unha realidade.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG