Congreso

BNG logra que o Congreso aprobe recoñecer 33% de discapacidade en enfermidades neurodexenerativas

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista reclama avanzar na protección das persoas a que se diagnostica Esclerose múltiple e outras doenzas neurodexenerativas e a creación dun novo tipo de discapacidade baseada na tipoloxía propia destas enfermidades.

Néstor Rego: “Máis que dunha proposta política trátase dunha cuestión de humanidade”.

O Bloque Nacionalista galego consegue que o pleno do Congreso aprobe a iniciativa para recoñecer, tras o diagnóstico de enfermidades neurodexenerativas, unha porcentaxe mínima de discapacidade de 33%. A cámara estatal tamén votou a favor de crear un novo tipo de discapacidade baseado na  tipoloxía propia destas enfermidades, tal e como reivindican asociacións de enfermos e familiares de Esclerose Múltiple, Parkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu na terza feira a Proposición Non de Lei afirmando que era unha oportunidade para “demostrar que a política non sempre é fría ou puro cálculo económico, que é capaz de entender e atender ás necesidades e á dignidade humana”. Nese sentido, durante a súa intervención, Rego convidou as formacións políticas que conforman o Goberno do Estado, PSOE e UP, a que votasen a favor da iniciativa. “No ano 2017 vostedes votaron a favor dunha proposta similar cando estaban na oposición. Non muden de posición agora que están no Goberno” lembrou Rego. A pesar dos votos en contra das dúas formacións que conforman o executivo, a iniciativa foi aprobada por cento oitenta e oito votos a favor.

Tras aceptar unha emenda que non mudaba substancialmente o contido da Proposición Non de Lei, a formación nacionalista incidiu en que “máis que dunha proposta política trátase dunha cuestión de humanidade” e lembrou que estas son as principais demandas das diferentes organizacións e asociacións que traballan polos dereitos e o benestar das persoas con enfermidades neurodexenerativas e das súas familias.

Na actualidade, as axudas a este colectivo dependen de que se acredite a discapacidade a través duns baremos que non recollen a singularidade da evolución das enfermidades neurodexenerativas. Co recoñecemento de 33% como máximo un mes despois da diagnose e o conseguinte acceso a medidas de apoio “conseguiríase que as persoas afectadas por estas doenzas se mantivesen activas o maior tempo posíbel, contribuíndo a unha maior calidade de vida e benestar ao mesmo tempo que se diminúe o gasto social” sinala o deputado nacionalista.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG