BNG acadou o acordo unánime do Parlamento galego para que a Xunta demande da Dirección Xeral da Mariña Mercante a elaboración dunha mensaxe (alerta rápida) para ser radiada de forma continua como “aviso a navegantes”, no que se lembre o preceptivo cumprimento do Regulamento de Comunicacións Marítimas de 2006 para a activación e emisión das alertas de socorro en chamada selectiva dixital, en función da zona marítima na que faenen ou naveguen os distintos buques.
De igual xeito, a iniciativa do Bloque impulsa a posta en marcha por parte do Goberno galego dunha campaña de concienciación dirixida aos patróns e mariñeiros sobre os perigos da navegación e a súa prevención.
Para a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, logo do terrible e tráxico afundimento do Vila de Pitanxo cómpre que as Administracións competentes incidan no cumprimento rigoroso da lexislación marítima, tendo en conta, por exemplo, as recomendacións que habitualmente fai a Comisión Permanente de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), que non só van dirixidas aos mandos dos buques, senón tamén ás propias Administracións.
Así pois, Pérez considerou preciso que a Mariña Mercante faga “todo o fincapé e poña todo o acento necesarios para tratar de evitar cantos máis sinistros mellor” e exemplificou no labor desenvolvido nesta liña pola Dirección Xeral de Tráfico que, cada certo tempo, recordan a condutores e condutoras continuamente as normas que hai que cumprir a través das súas distintas campañas preventivas.
Seguindo o paralelismo, avogou por que as distintas Administracións tomen en consideración o informe de 2015 da CIAMI na que recomendaba a responsables de formación marítima, particularmente aos que ensinan o sistema mundial de socorro, aos armadores e operadores de toda clase de embarcacións, aos responsables de organizacións empresariais, gremiais e sindicais dos ámbitos marítimos e ás autoridades competentes que velan pola seguridade marítima a que resalten as repetidas e funestas consecuencias de incumprir o establecido no sistema mundial de socorro marítimo; que insistan, conciencien e sensibilicen aos profesionais do mar sobre a importancia de coñecer o sistema mundial de socorro en profundidade e aplicalo e que denuncien e sancionen as infraccións que se deriven de posibles incumprimentos deste sistema.
Neste sentido, concluíu recordando que é a Mariña Mercante a que debe velar polo correcto cumprimento da normativa vixente e, neste sentido, sinalou especificamente ao propio regulamento polo que se regulan as comunicacións marítimas a bordo dos buques civís españois onde, mediante decreto de 2006, se establece a alerta de socorro como unha chamada selectiva dixital, con formato de chamada de socorro, nas bandas empregadas para as comunicacións terrenais ou con formato de mensaxe de socorro, en cuxo caso transmítese por medio de estacións espaciais.