BNG logra o acordo do Parlamento para pedir ao Estado que inclúa a parada de Vilagarcía no segundo Alvia Vigo-Madrid

Montse Prado
Montse Prado

A iniciativa de Montserrat Prado, reclamarase tamén que, progresivamente, todas as conexións de Vigo e Pontevedra con Madrid paren na localidade

De igual xeito, a Xunta demandará ao Goberno central a recuperación de todas as frecuencias suspendidas durante a pandemia

BNG acadou o acordo do Parlamento para instar á Xunta a dirixirse ao Goberno estatal para reclamar que modifique a súa decisión e dea as instrucións precisas para que Renfe rectifique no inmediato e inclúa a parada de Vilagarcía do segundo tren Alvia que une Vigo e Madrid e, progresivamente, que todos os trens de longo percorrido que comuniquen as cidades de Vigo e Pontevedra con Madrid, tanto no traxecto de ida como de volta, paren na localidade. Nunha proposición non de lei presentada na comisión parlamentaria de Ordenación do Territorio, a deputada Montserrat Prado defendeu tamén a recuperación de todas as frecuencias suspendidas durante a pandemia.

“Parécenos que non é moito pedir que a estación de Vilagarcía -que dá servizo non só aos 38.000 habitantes deste concello, senón a toda unha área de influencia de 150.000 persoas da comarca do Salnés- teña dúas paradas diarias en cada sentido e non só unha e a unha hora intempestiva como é as seis da mañá”, indicou logo de explicar que a parada de Vilagarcía na conexión Vigo-Madrid do Alvia foi recuperada en outubro de 2020, “mais agora, coa posta en marcha da nova liña, exclúese deste segundo tren”.

Prado asegurou que a inclusión desta parada na nova conexión Vigo-Madrid “depende da vontade política porque nin sequera require dunha necesidade orzamentaria” e, xunto á súa inclusión, apelou tamén á necesidade de recuperar todas as liñas e frecuencias suprimidas durante a pandemia.

Neste sentido, e tras recordar que a deficitaria situación dos servizos ferroviarios na comarca xa foi obxecto de distintas iniciativas por parte do BNG tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados, a deputada nacionalista advertiu que as paradas en Vilagarcía “e todo o servizo de cercanías, de lanzadeiras que daba servizo á veciñanza de concellos como Catoira, Pontecesures ou Padrón”, seguen sen recuperarse despois de 18 meses.

Entre as 20 primeiras estacións a nivel estatal

“Con esta eliminación de servizos ferroviarios, ás persoas traballadoras, estudantes e viaxeiras en xeral resúltalles imposíbel usar o tren para os seus desprazamentos, xa que os horarios son totalmente incompatíbeis coa súa actividade”, afondou, para a continuación subliñar que Vilagarcía é a quinta cidade galega en tráfico de viaxeiros de media distancia e que se atopa entre as 20 primeiras a nivel estatal, segundo datos do Observatorio do Ferrocarril, dependente do Ministerio de Transportes.

A esta perda de frecuencias, Prado sumou a de persoal, coa non reposición de efectivos por xubilacións ou a non substitución en períodos vacacionais, “o que leva a unha deficiente atención ás persoas usuarias ou ao peche este verán das ventás de venda de billetes antes do horario habitual”. “Non hai xustificación e é unha sen razón que a estación de Vilagarcía teña un aumento constante de pasaxeiros e pasaxeiras e, ao tempo, se produza un descenso constante do número de servizos”, concluíu.       
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG