Cumprindo o compromiso electoral de ser a voz de Galiza en Europa o BNG levará a próxima semana a Bruxelas a unha ampla representación do sector pesqueiro e marisqueiro galegos para que defenden directamente os seus intereses ante a reforma da Política Común de Pesca.
A visita, que se producirá os vindeiros 28 e 29 de agosto e que está organizada polo BNG, inclúe unha entrevista coa máxima autoridade en política pesqueira da Unión Europa, a Comisaria de Pesca María Damanaki, á que lle exporán as demandas da flota galega tanto ante a reforma da PCP, así como a necesidade de modificar o acordo pesqueiro entre a UE e Mauritania, que exclúe á flota cefalopodeira galega.
Na rolda de prensa de presentación para presentar esta visita, o portavoz de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira lembrou que o BNG é crítico coa PCP polos seus negativos resultados para a flota galega. Por iso, salientou que con esta interlocución directa ante a Comisaria de Pesca, María Damanaki, queremos facer o que nunca se fixo: facer chegar directamente a Bruxelas a voz do sector pesqueiro galego.
A este respeito, Bieito Lobeira puxo en valor a presenza do BNG no Parlamento Europeo, que con só unha eurodeputada, Ana Miranda, fai o que debería ter feito o goberno galego.
Liñas que defenderá o BNG ante a reforma da PCP
A continuación, o deputado nacionalista expuxo as liñas básicas que defenderá o BNG ante a reforma da PCP:
-Que no mar de Galiza manden os galegos. Que se respeite a capacidade de Galiza en política pesqueira.
-Que Galiza estea en pé de igualdade con outras flotas comunitarias, rematando coas discriminacións no acceso aos caladoiros.
-Que haxa menos cartos da UE para despeces, turismo e acuicultura industrial e máis para o marisqueo, para a pesca artesanal e para a recuperación do mar.
O BNG fai o traballo que debería facer o goberno de Feijoo
-Que a flota artesanal galega precisa máis potencia nas súas embarcacións para poder faenar en condicións de seguranza porque o noso mar non é o Mediterráneo.
-Que haxa un control das importacións e unha identificación da orixe dos produtos pesqueiros.
A proposta da Comisión para a pesca artesanal deixa fóra ao 60% da flota artesanal galega
Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asegurou que esta visita a Bruxelas forma parte dos compromiso adquiridos polo BNG na campaña das eleccións europeas de 2009: o de levarmos a voz de Galiza a Bruxelas.
Ana Miranda subliñou que Galiza xógase a súa pesca artesanal e o seu marisqueo na reforma da PCP e por iso organizamos esta visita, para defender directamente os intereses específicos de Galiza ante as autoridades da Unión Europea.
Neste sentido, defendeu que a reforma da PCP non se debe facer de costas ao sector da pesca artesanal e por iso presentamos máis de cen reformas aos documentos para a reforma da PCP.
Estas emendas do BNG inclúen un fondo específico de axudas para a pesca artesanal; que non estea sometida ao sistema de tax e cotas e tamén que quede excluída do sistema de cotas transferibles, que si pode ser útil para a sector pesqueiro de máis dimensión.
Ademais, Ana Miranda, advertiu de que a definición de pesca artesanal que propón a Comisión Europea, baseada só nos metros de eslora -12 metros-, deixaría fóra ao 60% da flota artesanal galega. ,
Pola contra, salientou que a definición que propón o BNG de pesca artesanal é de embarcacións de até 15 metros de eslora, que faenen en mareas de non máis de 36 horas, embarcacións de tipo familiar e que utilicen artes selectivas que protexan o medio ambiente.
http://youtu.be/fg17LSdiYv0