O BNG estrea web electoral -Ideas claras- que recolle toda a información de campaña electoral, desde programa, propostas, actuacións de voluntariado, manifestos de apoio e todos os actos de axenda tanto dos e das candidatas como da portavoz nacional, Ana Pontón.
Como explica o secretario de Comunicación, Xavier Campos, “é unha web viva que irá evolucionando adaptándose aos diferentes procesos electorais empezando pola cita coas urnas nos comicios xerais do 28 abril, pero que terá continuidade de cara ás eleccións municipais e europeas do 28 de maio”. O lema Ideas claras está en consonancia coa imaxe do propio BNG que aporta un proxecto solvente, coherente e unido que ofrece ao electorado, “que fala con claridade e con transparencia da súa visión de Galiza e do que a sociedade galega necesita”, explica Campos.
Screenshot_20190410_180104.pngA formación que lidera Ana Pontón aposta por actos “en positivo” e por un estilo “atrevido”, que xa ten despregado noutros procesos electorais, e ten como obxectivo “galeguizar” a campaña e de facer desta unha proposta “inclusiva” dirixida a todas as persoas que, nacionalistas ou non, queren que Galiza recupere voz propia en Madrid da man do BNG como forza política propia.
O Bloque, explica Campos, “propón unha campaña entusiasta e de man tendida que vai poñer por diante todo o que une á gran maioría social que quere a este país e que desexa velo avanzar e mellorar. Con dúas premisas claras: unha campaña galeguizada e inclusiva, porque queremos que se fale do que lle interesa a xente deste país e imos dirixirnos ás todas as persoas que queiran que Galiza conte, votasen ou non ao BNG, sexan ou non nacionalistas, a esas persoas que se sentiron orfas de representación no Congreso nesta lexislatura”, aclara o secretario de Comunicación.
Ao longo dos 14 días de campaña que abre en Santiago na emblemática Praza das Praterías, o Bloque desenvolverá unha intensa actividade con actos de mañá que se sumarán aos mitins de tarde, coa participación da portavoz nacional, Ana Pontón, quen terá un papel esencial na visualización das propostas e alternativas do BNG para defender no Congreso, a través dunha axenda propia por todo o país, ao lado dos e das candidatas provinciais.
Desde xa o BNG está levando a cabo unha intensa programación de actos con sectores produtivos, económicos, culturais e sociais, tras mobilizar a base militante co encontro nacional que congregou a 1.500 persoas en Santiago.
O Bloque aposta por un ton reivindicativo pero positivo nesta campaña, convencido de que está en remontada e consciente da vantaxe que supón ter un proxecto solvente e cohesionado e un liderado claro. Consciente tamén de que moitas persoas botaron de menos a presenza de deputad@s dunha forza política propia en Madrid.
O obxectivo e chegar a todo ese electorado nacionalista ou non nacionalista pero que pensa que Galiza debe recuperar voz propia no Congreso, tras unha lexislatura decepcionante na que o país estivo desaparecido e os problemas dos e das galegas, -así como as alternativas para solucionalos-, totalmente ausentes.
Neste sentido, entre as ideas centrais de campaña: A importancia de que Galiza recupere voz propia no Congreso da man do BNG fronte á discriminación das forzas políticas estatais a utilidade do voto ao proxecto nacionalista que serve para defender Galiza e planta cara a involución democrática.