O BNG interpela ao gobernó polo incendio de Verín e pedirá medidas compensatorias ante os grandes lumes. Rexistra unha batería de iniciativas destinadas a coñecer as medidas que tomou ou tomará a Xunta de Galiza para corrixir os erros de actuación na extinción do incendio de Vilamaior (Verín) e se os protocolos foron seguidos de forma axeitada.
O grupo parlamentar do BNG denuncia a carencia de políticas de prevención e falta de recursos materiais e humanos na extinción de incendios polo que preguntará que medidas ten previsto iniciar á Xunta de Galiza para mellorar estes servizos.
O BNG salienta que o incendio de Verín rexistrou unha demora de máis de media hora en detectar e comunicar ao distrito correspondente a aparición do lume. Finalmente, a primeira actuación efectiva de descarga de auga mediante medios aéreos produciuse arredor das 17:00 horas, é dicir, case unha hora despois do inicio do incendio ao que se suma a tardanza dos medios terrestres que denuncia a veciñanza, así como unha evidente falta de coordinación entre o Parque de Bombeiros Comarcal e o SPDCIF.
Todos estes elementos constatan que as actuacións levadas a cabo por parte da Xunta de Galiza tanto para a prevención como para a pronta detección e extinción, non son suficientes e teñen grandes deficiencias que fan que adoeza dunha falta de vixilancia preventiva, demora na intervención, falla de previsión sobre o estado dos depósitos e balsas de auga e escaseza de medios dispoñíbeis en plena tempada de alto risco nunha comarca que xa ten protagonizado importante danos particulares, públicos, forestais e ambientais.
O BNG salienta o excelente traballo que desenvolveron e desenvolven cada un dos traballadores e traballadoras que malia as condicións e falta de medios loitan contra os incendios. As iniciativas nacionalistas queren avaliar os feitos para desenvolver as correccións necesarias e mellorar a actuación para que non se repitan no futuro situacións como a acontecida no incendio de Verín que arrasou 1.360 hectáreas e converténdose no incendio máis grande de Galiza.