A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, anuncia que tratará de evitar a aprobación definitiva do convenio pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, no que a flota cefalopodeira galega queda excluída da actividade pesqueira no país africano, presentando iniciativas no Parlamento Europeo en contra do tratado.
Estas declaracións realizounas tras unha reunión celebrada onte cunha comisión de mariñeiros e armadores afectados na sé do BNG de Marín. Na asemblea participaron tamén os membros do BNG local, liderados por Pilar Branco, e Bieito Lobeira, deputado do Parlamento galego.
O parlamentario nacionalista asegurou que a versión dos feitos ofrecida polas autoridades políticas de Europa, España e Galiza é falsa. "É un problema político, non é un conflito que teña que ver coa falta de recursos". Bieito Lobeira está convencido de que a intención da Unión Europea é substituír a flota cefalopodeira galega por outras flotas extracomunitarias.
Lobeira defendeu que a única alternativa para esta flota é volver a Mauritania,"non hai outros caladoiros posíbeis", e en caso contrario, só lles quedaría o desguace.
Os obxectivos do BNG son, en primeiro lugar, suprimir o convenio pesqueIro no Parlamento Europeo. Ademais, solicitan ao Goberno a articulación de axudas a tripulantes e armadores "para evitar dramas humanos" e, para rematar, fixo público o apoio do BNG a todas as movilizacións dos afectados.
Ao mesmo tempo, o deputado Lobeira, quixo salientar que "a ruptura do acordo non é só problema dos mariñeiros, é algo que afecta a toda a sociedade do Morrazo".
Impacto moi negativo en Galiza
Pola súa banda, Ana Miranda recalcou que, aínda que para a Unión este protocolo só supón a eliminación do 30% da flota, "para Galicia significa a desaparición do 99% dos buques que faenaban en Mauritania".
Así mesmo, asegurou que votará en contra da ratificación do pacto cando este tema sexa tratado no Parlamento. Tamén recordou que esta institución ten plenas competencias para abolir ou aprobar leis pesqueiras, entre outras.
A eurodiputada nacionalista confirmou que os informes de sobreexplotación, nos que se apoiou a Comisión para pechar o acordo, non teñen rigor científico xa que datan do ano 2008 e para estudar os cefalópodos é necesario un seguimento anual.
Ana Miranda buscará o apoio do Parlamento Europeo
A eurodeputada Ana Miranda anunciou o rexeitamento do BNG ao novo convenio porque é demasiado curto, "só dous anos", o que impide a renovación do sector, pero a principal razón é a exclusión da flota cefalopodeIra galega.
Para finalizar o seu discurso, Miranda anunciou a celebración dunha reunión de alto nivel na Comisión Europea para tratar o conflito pesqueIro. Ademais, a eurodEputada comprometeuse a seguir presionando en Bruxelas para conseguir unha maioría que paralice o convenio.