BNG insta á Xunta a regular a “Tarxeta básica”, máis alá da pandemia, a persoas e familias en situación económica precaria para acceder a produtos de primeira necesidade

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil lamentou que o Partido popular anunciara o voto desfavorable á proposta do BNG e  lembrou que a tarxeta moedeiro garante recursos económicos de urxencia para  alimentación, hixiene e produtos sanitarios

A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposta para “regular a tarxeta básica”, máis alá da pandemia, e como recurso de urxencia para as familias en situación económica severa.

Non estamos a falar, dixo, de “produtos de luxo”, son produtos de primeira necesidade e no  último ano e medio, 57.000 persoas en precariedade económica  accederon a tarxeta básica.

A tarxeta básica, ou “tarxeta moedeiro”, explicou, é froito dun convenio, no ano 2020  entre a Xunta e a Cruz Vermella, para dar reposta a persoas e familias nunha situación  económica severa e con vixencia até o primeiro semestre do ano 2022, sen embargo, toda a información coa que contamos, engadiu,  constata que esta prestación “se dá por finiquitada” no vindeiro mes de xuño pero  xa se está a aplicar de facto.

Tras a intervención do portavoz popular, Alberto Pazos Couñago que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, Olalla Rodil lamentou que o Partido popular non apoiara a proposta do BNG sobre todo,  nun contexto no que aínda se están a padecer as consecuencias sociais e económicas da pandemia e a Tarxeta Básica representaría unha “ferramenta útil” para garantir ingresos ás persoas e familias que o necesitan  e sobre todo, mentres solicitan ou tramitan outro tipo de prestacións como a Risga ou o Ingreso Mínimo vital.

Rodil recalcou que a proposta do BNG vai na dirección dunha “regulación normativa” e non para que a tarxeta básica sexa “recibida por todo o mundo”. Neste sentido, argumentou que no proceso de regulación deben ser marcados os perfís económicos concretos das persoas ou fogares con necesidade para acceder a “este recurso de emerxencia”, ademais de ser ponte para acceder a RISGA ou ao IMV. A deputada apelou a unha cuestión de “equidade” porque non resulta igual vivir nun concello pequeno que nun máis grande polos propios recursos cos que contan os concellos para habilitar axudas de emerxencia e atender situacións de grande precariedade.

O criterio de “equidade”, remarcou a nacionalista, debe “rexer en calquera administración pública” ao  igual que o de xustiza social á marxe do lugar no que vivan as persoas afectadas. “Da o mesmo que vivas na Ribeira de Piquin que na cidade de Lugo” é necesario o acceso aos recursos para ter unha vida digna, e neste caso, estamos falando dunha tarxeta que permite comer, mercar produtos de hixiene básicos ou produtos de farmacia que non son asumidos pola Seguridade Social.

Outra vertente da regulación da tarxeta básica é dar  resposta ás persoas que están a tramitar unha RISGA ou IMV, até o momento que ingresan a primeira contía. Na maior parte das veces, estas persoas dependen temporalmente do seu entorno, familias e amizades que en  moitas ocasións tampouco poden facerse cargo dos gastos durante os tres meses que dura a tramitación.

A Xunta respondeu ao BNG que ten previsto reducir o tempo dos trámites de tres meses a mes e medio ao que a deputada preguntou porque non contar cunha axuda que permita nese tempo ir a compra ou a farmacia. Rodil volveu a apelar á regulación da tarxeta básica e non convertela “nun elemento conxuntural” porque a situación de pobreza e precariedade económica continúa para moitas persoas e sobre todo ante a “escalada de prezos” e a “escalada bélica no leste de Europa”.

Finalmente, Rodil lembrou que esta iniciativa foi proposta no mes de abril e o  BNG volve a defendela hoxe e anunciou que volverá a debatela no Parlamento galego porque é “unha boa medida que debe manterse no tempo” e debe ser regulada, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG