O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a aclarar que tipo de materiais se pretenden utilizar no proxecto que o grupo Toysal ten previsto desenvolver na canteira de Casalonga, no concello de Teo, co obxectivo de impedir que se converta nun “vertedoiro encuberto” de residuos orgánicos pretratados e estabilizados como terra vexetal.
O portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, advirte que o plan de restauración da canteira -aprobado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación nunha resolución do pasado 11 de agosto- prevé a actuación en 55 hectáreas para a súa restauración e reforestación, para o que ten previsto utilizar 292.000 metros cúbicos da chamada “terra vexetal” procedente da propia canteira e do exterior. “En realidade, a maior parte será de procedencia exterior, dada a escaseza deste material no actual oco mineiro”, alerta.
Para o BNG, o proxecto aproveita a permisividade da normativa estatal e galega sobre a denominada “terra vexetal”, concepto que inclúe tamén a mestura de terra con outros materiais inertes e con materia orgánica como lodos de depuradora, xurros e outros elementos de orixe vexetal e animal que son pretratados, estabilizados e utilizados para producir os denominados tecnosolos.
“Cómpre ter en conta que Toysal, propietaria da canteira e promotora do proxecto, non é unha empresa mineira, é unha empresa de xestión de residuos e non vai acometer un investimento de 134.000 euros pola súa sensibilidade ambiental”, cuestiona Bará, para quen detrás do proxecto “hai un vertedoiro encuberto para enterrar residuos inertes e unha grande cantidade de residuos orgánicos tratados como terra vexetal”, nunha operación que “podería xerar uns beneficios duns 20 millóns de euros, mentres que o plan de restauración da canteira ascende a só 134.000 euros”.
“A reactivación da ‘restauración’ da canteira de Casalonga está relacionada co peche de instalacións coas que contaba Toysal nas Somozas e en Miramontes (concello de Santiago) por irregularidades ambientais e incumprimentos da normativa, de aí as présas e o interese por reactivar o vertedoiro de Casalonga”, asegura o deputado nacionalista.
Coas iniciativas presentadas no Parlamento galego, o BNG insta á insta a Xunta a que especifique que entende por “terra vexetal de procedencia externa”, á hora de resolver a autorización do plan de restauración a favor da empresa, co obxectivo de evitar que a canteira de Casalonga se convirta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos pretratados e estabilizados como substrato vexetal, “no que haberá lodos de depuradoras, xurros e outros materiais de orixe orgánica”, incide.
Así mesmo, o grupo nacionalista prevé manter un encontro coa Plataforma Casalonga Libre de Residuos e tamén presentará estas propostas a debate no pleno municipal de Teo.