BNG reclamou no Parlamento galego un plan ou proxecto por parte da Xunta para garantir a produción e o emprego na fábrica de Alu Ibérica na Coruña. Nunha pregunta en pleno parlamentario, o portavoz nacionalista de Industria, Ramón ‘Mon’ Fernández, pediu que a produción de aluminio sexa considerada unha actividade industrial estratéxica, “pola súa importancia esencial para garantir o correcto abastecemento deste material a multitude doutras actividades industriais, e pola importancia do volume de emprego que ocupa no noso país”.
“Sentada esta importancia, este carácter estratéxico, cabería agardar algunha actuación, plan ou proxecto por parte do Goberno galego, para preservar en Galiza esta actividade e o emprego vinculado”, recalcou, para a continuación salientar a necesidade de garantir ao sector prezos da enerxía “competitivos”. “Que fai a Xunta para garantir estes prezos competitivos? -cuestionou- Nada, nada en absoluto durante estes últimos 12 anos de goberno”.
Neste sentido, apuntou ao exemplo italiano, onde o seu Executivo apoia a produción a través dunha empresa pública de enerxía, ou á tarifa eléctrica da industria vasca. “Exemplos que demostran que en política, o máis importante, sempre, é ter vontade para dar coa solución, co método ou co mecanismo”, reprochou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
Fernández recordou a posición do BNG respecto das fábricas de produción de aluminio pertencentes a Alcoa: “apostamos por que se integren na SEPI, ben dun xeito permanente ou, temporalmente, mentres non aparece unha sociedade, esta vez si, seria e solvente, que consolide o proxecto empresarial e o emprego”.
Deste xeito aludiu ao acordo de venda de Alu Ibérica ao fondo suízo Parter por un prezo simbólico e unha achega de Alcoa ao comprador de 95 millóns de euros a realizar durante dous anos a cambio de reactivar as cubas de electrolise e realizar melloras no proceso de fundición; non vender a fábrica a terceiros e a subrogación de todo o persoal cunha garantía tamén de dous anos. Un acordo aceptado pola maioría de representantes do persoal das fábricas da Coruña e Avilés.
Sen embargo, a tres meses de que se venza ese prazo de dous anos, segundo recriminou, “a situación na fábrica non pode ser peor”, coa venda a un terceiro, o grupo Riesgo -“que nin reactiva as cubas, nin realiza melloras nos procesos de fundición, nin respecta as condicións de traballo do persoal”- e mesmo cunha causa xudicial aberta na Audiencia Nacional por fraude e estafa. Ante a gravidade da situación, o deputado nacionalista reclamou ao Goberno do PP que exerza como goberno galego e busque solucións para a factoría da Coruña.