O BNG vén de defender no Parlamento galego unha iniciativa solicitando a exclusión das seccións de crédito das cooperativas do ámbito de aplicación da lei de créditos hipotecarios, que as homologa coas grandes entidades de crédito. Nunha iniciativa anterior o Bloque xa trasladara á Cámara a problemática que está a causar a lei entre as cooperativas galegas, polo que solicitou a súa exclusión do decreto da Xunta que regula o rexistro de prestamistas e intermediarios e, nesta ocasión, instando ao Executivo galego a promover do Goberno central a súa exclusión do ámbito da aplicación da lei estatal.
En ámbalas dúas ocasións, o veto do PP e a abstención do PSOE impediron que prosperaran as iniciativas pese a que, tal e como explicou hoxe o portavoz nacionalista de Economía, Mon Fernández, esta norma estatal aprobada hai dous anos establece o seu ámbito de aplicación nos contratos de préstamos concedidos por persoas físicas ou xurídicas, que realicen esta actividade dun xeito profesional e, segundo subliñou, as seccións de crédito das cooperativas levan dende a aprobación desta lei sen poder dar créditos hipotecarios aos seus socios e socias.
“Unha imposibilidade derivada da negativa dos rexistros da propiedade a rexistrar os préstamos en cuestión, xa que falta a constitución do rexistro autonómico de prestamistas e intermediarios”, cuxa elaboración é competencia do Goberno galego. “Así, a demora da Xunta en constituír e regular ese rexistro da súa competencia e a negativa a excluír explicitamente da obriga de se rexistrar ás seccións de crédito das cooperativas é o que provoca que leven dous anos sen poder outorgar préstamos porque, en principio, non cumpren os requisitos esixidos para rexistrarse”, resumiu, para a continuación defender a exclusión do ámbito de aplicación da lei á seccións de crédito das cooperativas ou, no seu defecto, buscar unha solución pola vía dun acordo político para modificar o texto lexislativo estatal.
Neste sentido, argumentou que a concesión de préstamos por parte das cooperativas que contan cunha sección crediticia é unha actividade accesoria que non se realiza como actividade profesional e moito menos con finalidades financeiras, tal e como establece a lei estatal para determinar o seu ámbito de aplicación. A isto engadiu que a concesión de préstamos está restrinxida pola lei de cooperativas ás persoas socias e que polo tanto estamos ante unha actividade de auto-crédito, singularidade de especial relevancia dado que a lei reguladora dos contratos de crédito inmobiliario está claramente dirixida a protexer ás persoas prestameiras dos abusos cometidos polas entidades profesionais de carácter financeiro.
Fernández tamén apelou a que as cooperativas xa están reguladas por un marco legal propio, tanto a nivel estatal como galego, na que se establece ademais as condicións para constituír unha sección de crédito e, de igual xeito, subliñou que -precisamente pola normativa que lles é propia- os organismos de goberno das cooperativas deben ter unha composición democrática da que pode formar parte calquera das persoas socias, o que provoca un dos principais problemas para cumprir cos requisitos que establece a lei de contratos hipotecarios porque esta esixe que as persoas integrantes do consello de administración teñan unha determinada formación técnica.
“O feito de que se produza esta confusión absurda entre un organismo de goberno de carácter democrático e a xestión técnica da cooperativa delata que, efectivamente, se lles quere aplicar unha normativa que lles é totalmente allea”, recalcou o deputado nacionalista, logo de advertir que, aínda que a concesión de préstamos hipotecarios non sexa a súa actividade principal e estea restrinxida ás persoas socias, o feito de non poder realizala implica unha perda de ingresos considerable.
Neste marco, o portavoz parlamentario de Economía reclamou á Xunta que deixe de poñerse de perfil e reprobou que, pese a que no anterior debate parlamentario impulsado polo BNG sobre esta problemática, o PP se comprometera a manter contacto con estas entidades e procurar solucións, “isto non se cumpriu”, concluíu.