Após a reunión mantida nesta cuarta feira (20) por unha representación do BNG co Comité de Empresa de Alu Ibérica en Arteixo, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, acaba de presentar unha Proposición Non de Lei para instar o Goberno español á intervención pública da empresa como única maneira de salvar a crise que se vén arrastrando nos últimos anos e que non foi resolta pola venda de Alcoa a Parter.
Rego lembra que xa no mes de maio de 2020 o BNG interpelaba o Goberno sobre o anuncio de venda da planta de Alu Ibérica da Coruña, tan só oito meses despois de que se formalizase a transmisión das plantas de Alcoa Avilés e A Coruña a Parter Capital, polo anuncio da adquisición da factoría de Arteixo polo Grupo Industrial Risco, que a través do seu vehículo de investimento System Capital Management SL (SCM), pasaba a ser propietaria de 75% das accións e a se facer co control da actual Alu Ibérica.
O deputado nacionalista salienta que a operación de venda por parte de Parter Capital ao Grupo Riesgo se fixo de forma apresurada e sen que tan sequera se informase ao Comité de Empresa. “Desde que se fixo pública a adquisición, os representantes das e os traballadores da factoría advertían sobre a dubidosa solvencia e a pouco fiábel praxe empresarial dos novos compradores” sinalou o deputado.
“Debe lembrarse que a venda das factorías de Alcoa a Parter Capital estivo tutelada polo Ministerio de Industria, quen deu o visto e prace á operación, destacando que con ese acordo se daba cumprimento ao compromiso subscrito entre o Goberno, as administracións autonómicas, os comités de empresa e Alcoa para dar unha solución integral e viábel que garantise os case 700 postos de traballo en risco” salientou.
O acordo de venda incluía a implementación dun plan industrial que garantise o futuro da planta, mais a venda por Parter a Riesgo puxo en evidencia a falta de compromiso real do fondo suízo en lograr o obxectivo teoricamente asumido” destacou Néstor Rego. Puxo tamén en dúbida o papel do Ministerio na venda, tanto na elección do comprador, como na falta de actuación cando se evidenciou que o adquirente consideraba o contido do acordo papel mollado. “O resultado foi que non se logrou o obxectivo, pois a suposta solución alcanzada coa venda segue aínda a día de hoxe sen garantir a actividade industrial e o mantemento do emprego”.
Oito meses despois, o futuro da planta de Alu Ibérica na Coruña continúa cheo de incerteza pois os novos propietarios “seguen sen avanzar cun plan tanxíbel que asegure o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo” sinalou Rego. A formación nacionalista denunciou que neste tempo se acumularon denuncias de despedimentos improcedentes e falta de pagamentos de salarios e mesmo Inspección de Traballo certificou nun informe datado no mes de setembro de 2020 a falta de ocupación efectiva e dos investimentos necesarios na factoría.
Por esta razón, o BNG acha que a única alternativa viábel é que o Goberno do Estado interveña a planta de forma que posteriormente a SEPI puidese procurar un investidor fiábel que se comprometa a desenvolver o tan necesario plan de reactivación industrial da factoría e que garanta o mantemento da actividade e dos postos de traballo.